O xulgado arquiva a causa contra Alex Bergantiños

A xuíza tacha de "sorprendente" a acusación e de "intempestiva" a detención do capitán do RC Deportivo, acusado pola Liga de delito de corrupción entre titulares.
Álex Bergantiños durante o encontro co Fuenlabrada (Imaxe: La Liga).
photo_camera Álex Bergantiños durante o encontro co Fuenlabrada (Imaxe: La Liga).

O xulgado de instrución número 3 da Coruña acordou onte o sobresemento provisional e mais o arquivo da causa aberta contra o capitán do Real Club Deportivo, Álex Bergantiños, denunciado pola Liga tras facerse público unha mensaxe de son que enviou a un grupo privado. Bergantiños foi acusado da comisión dun delito de corrupción entre titulares.

Da conversación mantida polo capitán co seu vestiario non se aprecia a existencia de delito algún, sentenciou a maxistrada

"Da conversación mantida polo capitán co seu vestiario non se aprecia a existencia de delito algún", comeza a maxistrada no auto, contra o que cabe interpor recurso. E insiste en que o Centro Nacional Policial de Integridade no Deporte e Apostas (CENPIDA), cuxos axentes arrestaron a Bergantiños, non achegou ningún "elemento obxectivo ou serio de proba ou indicio de criminalidade" máis alá de dita conversa "en ton de confianza".

A titular do xulgado herculino argumenta que a "idea criminal só resulta puníbel nos casos expresamente previstos na parte especial do Cógido Penal, o que non acontece no presente", aínda que "sorprendentemente" así o considere o CENPIDA. En relación a este corpo policial, a maxistrada engade que era coñecedor no momento da detención das "circunstancias extraordinarias" que arrodeaban o encontro entre o equipo branquiazul e o Fuenlabrada.

En caso de "amañar" o partido, salienta a xuíza, o Deportivo "só conseguiría tres puntos que non o salvarían do descenso" e que sería o propio Fuenlabrada o único "favorecido" posto que era o único que, en principio, "se xogaba a posibilidade de xogar o playoff de ascenso".

A xuíza apunta a unha "final vertixinosa no tempo de desconto, dificilmente previsíbel"

A xuíza tamén descarta un "amaño" do partido para acadar un "lucro con apostas deportivas". "Tampouco tería ningún sentido, habida conta o resultado do partido, vencendo o Equipo da cidade herculina por dous goles a un, cunha final vertixinosa no tempo de desconto, dificilmente previsíbel". 

Detención "intempestiva"

No auto, a maxistrada tamén se refire á detención de Bergantiños, que tacha de "intempestiva", "trasladando incluso efectivos policiais desde a capital para isto, sen practicar proba algunha a xogadores do outro equipo, por exemplo". A Liga conta a partir de onte con tres días para presentar un recurso de forma e subsidiario de apelación ou cinco para un recurso de forma directo. 
 

Comentarios