O xuíz tomba a prohibición e a estelada poderá ondear na final de Copa

O xuíz do Contencioso-administrativo nº11 de Madrid rexeita a medida da Delegación do goberno en Madrid a raíz do recurso presentado pola asociación Drets en defensa dun seareiro culé.

plataforma proseleccions
photo_camera plataforma proseleccions

A xustiza dá vía libre á estelada para que poida ondear este domingo na final da Copa que desputarán en Madrid o Barça e Sevilla, tombando así a decisión da Delegación do goberno na capital do Estado, que prohibía a entrada ao estadio Vicente Calderón (sede da Copa) da bandeira independentista. O xulgado contencioso-administrativo número 11 de Madrid estimaba así parcialmente o recurso presentado pola asociación 'Drets'. O FC Barcelona presentou un recurso no mesmo sentido, mais este está en mans doutro xulgado, o número 15.

O maxistrado Jesús Torres adoptou a decisión após recibir as alegacións da Fiscalía e Avogacía do estado nesta sexa feira, e na que defendían e avalaban a prohibición da estelada. O xuíz acepta o criterio de 'Drets', que reclamaba a suspensión “automática para deixar sen efecto a execución da instrución da delegada do goberno”. 'Drets' presentara un recurso administrativo especial de “protección dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución española e a Declaración de dereitos humanos”.

Antes de se coñecer a decisión, a ANC anunciara que en caso de se manter a prohibición, repartirían 10.000 bandeiras escocesas como protesta. O presidente da Generalitat e a alcaldesa de Barcelona, que anunciaran que non irían á final de Copa de se prohibir a entrada coa bandeira no estadio, xa anunciaron que finiquitada esa prohibición, si que acudirán.

Comentarios