Xornada de oportunidades perdidas no fútbol galego

Nin o Lugo subiu ao tren do 'play-off', nin o Deportivo da Coruña asaltou o liderado da categoría de bronce, nin o Celta B e o Rácing de Ferrol acurtaron distancias cos postos de cabeza. A fin de semana deportiva deixou un balance moi negativo para os equipos do país, que sumaron dúas derrotas e dous empates.
O 'resultado gafas' entre Dépor e Rácing non se moveu do marcador ao longo dos 90 minutos de xogo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O 'resultado gafas' entre Dépor e Rácing non se moveu do marcador ao longo dos 90 minutos de xogo. (Foto: Nós Diario).

Cabe a posibilidade de que o Real Club Celta, que parece aboado a que a Liga de Fútbol Profesional (LFP) de Javier Tebas o castigue a xogar nas noites das segundas feiras, dese un toque de cor cunha vitoria ante o fechacancelas Xetafe -da que non podemos informar nestas liñas por concluír fóra do horario de fechamento desta edición- a unha gris xornada para o fútbol galego, xa que ningún dos representantes do país nas principais categorías foi quen de sumar os tres puntos.

Especialmente duro foi o tropezo do Club Deportivo Lugo, que inmerso nunha dinámica moi positiva na que encadeou até cinco partidos sen coñecer a derrota parecía que ante o Málaga podería dar o definitivo salto de calidade para comezar o axexo dos postos de play-off, pero non puido ser.

Os de Rubén Albés acusaron a ausencia no once do homes habituais, a causa das lóxicas rotacións logo de disputar tres partidos en apenas unha semana, e en ningún momento foi rival para un Málaga superior en todas as facetas do xogo. 

Porén, e a pesar de que os andaluces mereceron máis, só foron quen de materializar un solitario gol (Genaro, minuto 34), polo que no tramo final do encontro a escuadra albivermella protagonizou unha serie de acercamentos que a piques estiveron de devolver as táboas ao marcador.

Nin Deportivo, nin Celta B nin Rácing de Ferrol

Onde o electrónico non se moveu en ningún momento foi no Estadio do Sardiñeiro, no que dous históricos como Dépor e Rácing de Santander protagonizaron un duelo ao que chegaban como segundo e terceiro clasificado, respectivamente, e no que o mutuo respecto levou organicamente ao previsíbel empate. 

Este resultado puido beneficiar especialmente a un Celta B que, de gañar, superaría na clasificación a ambos, pero os canteiráns víronse sorprendidos (1-2) a pesar de ser moi superiores ao Dux de Madrid, que transita pola zona baixa da táboa.

Porque, como destacou o técnico celeste, "o fútbol, ás veces, ten estas cousas". 

Finalmente, os Diaños Verdes do Rácing de Ferrol asistiron con impotencia a outra polémica arbitral que os prexudicou, nesta ocasión ante a Cultural Leonesa (1-1), pois o colexiado anulou un gol legal a Nathan Palafoz e deixou sen pitar unha pena máxima sobre Héber Pena.

Comentarios