Xornada dispar para o fútebol galego de elite

Unha derrota (en Balaídos), un empate (no Anxo Carro) e unha vitoria (no Colombino). Así foi a xornada para as equipas galegas. O Celta continúa sen gañar na casa. O Dépor está en ascenso directo por vez primeira na liga e o Lugo suma e segue en boa liña.

luís
photo_camera O deportivista Luís, entre tres contrarios

O Celta caiu o sábado ante un combo difícil de manexar, o Rayo de Paco Jémez. Os de Luis Enrique son a única equipa que non se ten estreado aínda como vitoriosa na súa casa en todo o campionato. Foi un intercambio de golpes, cun problema para os celestes: o Rayo foi moito máis contundente.

Destarte, a equipa celeste, que viña de gañar en Sevilla (0-1), fecha a decimoterceira xornada do campionato con só 12 pontos (cun promedio inferior a un por xornada), co que se debruza perigosamente sobre a zona que conduce á Segunda División (non está nela por mellor gol average do que os seus rivais directos, un deles precisamente o Rayo, que agora toma vantaxe no gol average particular).

No Anxo Carro o fútebol foi o tirapuxa de todos os domingos, con alternativas e ocasións en ambas balizas. O Lugo amarrou un ponto fronte a unha equipa perigosa, que, lembremos, si foi quen de se facer coa vitoria en Riazor.

Lugo: 22 pontos en 13 xogos

A equipa de Setién mantivo fidelidade a seu guión: bon trato á pelota e chegadas con perigo. O gol foi do seu futbolista tecnicamente máis dotado, o mediocampista Carlos Pita.

O Lugo mantense en postos de ascenso, se ben xa non directo, ao totalizar 22 pontos en 13 xogos.

Quen está en ascenso directo, por vez primeira na temporada, é o Deportivo, quen deu unha puñada sobre a mesa ao gañar no campo do líder, o Recreativo, e suma xa 23 pontos. Un gol do arzuán Pablo Insua, o segundo no que vai de liga, nunha xogada de estratexia, deu o triunfo aos de Fernando Vázquez.

A equipa coruñesa non acusou as baixas (JuanDo non foi aliñado por un leva lesión de omoplata) e superou claramente o Recreativo nunha moi boa segunda metade. Estreouse con boas sensacións Diego Seoane, como estremo direito. O dianteiro foi Luís Fernández. O de Burela estivo moi participativo e callou un moi bon partido. Cheira a titular a partir de agora.

Comentarios