Xornada desigual para as equipas galegas

O Celta atopa o gol perante o Xetafe e o Lugo perde en Huelva. Empate no derbi de 2º B. En piragüismo Galiza segue cos bos resultados desta vez Mundial de Maratón 2012.

Agardábase moito do partido en casa entre o Celta de Vigo e o Xetafe. O traballo dos de Balaídos non estaba a dar os puntos necesarios neste comezo de liga e chegar a unha quinta xornada cunha soa vitoria comezaba a ter as súas consecuencias.O encontro non defraudou. O “celtiña” atopou o camiño do gol con dous novos goleadores: Augusto e Park. O tanto do Xetafe que empataba o partido no minuto 58 de pouco lle serviu. O coreano Park realizou o soño de calquera debutante: entrar e marcar. Agora o Celta descansa na metade da clasificación con seis puntos e a sensación de que este ano haberá sorpresas.

O Lugo perde 3-0 perante o Recreativo
O control do mediocampo foi decisivo no partido que xogaron Recreativo e Lugo en Huelva. A expulsión por dobre amoestación de Lolo Pavón no minuto 31 marcou o partido e abriu a porta aos goles. Despois do descanso marcou primeiro Pawel Brozek no minuto 53, despois Jesús Rubio no 62 e Fernando Vega no 78. É a primeira derrota do CD Lugo como visitante nesta liga e a terceira vitoria consecutiva do Recreativo en casa.

Empate no derbi de 2º B
Coruxo e Ourense remataron o derbi de 2º B sen goles nun empate que non fixo xustiza polas ocasións que tivo a equipa de Luisito. A polémica estivo presente nun gol anulado por un cuestionado fóra de xogo. A expulsión de Abenza na segunda metade do partido tampouco serviu para meter presión e pasar do empate con que rematou o encontro.

A Esedé deixa os tres puntos en Betanzos
O Compostela caeu no Carregal diante do Betanzos con polémica arbitral. O control do partido da Esedé transformouse nun gol de Joselu no minuto 3 que despois empataría o Betanzos ao marcar de penalti por unha man de Moncho. O cartón vermello directo de Joselu foi decisiva e a presión da equipa de casa conseguiu o seu obxectivo cun tanto no minuto 75 que pechou o marcador.

Máis medallas para o piragüismo galego
Galiza segue dando bos resultados nas competicións internacionais. No Mundial de Maratón 2012 que se celebrou esta fin de semana en Roma, os nosos deportistas conseguiron varias medallas e demostrar que temos capacidade de aspirar a grandes metas. O sábado a vitoria foi para Tono Campos en C1 e Iván Alonso en K1. O domingo continuaron as vitorias na embarcación dobre en Canoa de Ramón Ferro e Oscar Graña (Kayak Tudense) e no dobre en Kayak de Iván Alonso e o zamorano Emilio Merchan. Ao podio tamén subiron co bronce en C2 do Ría de Betanzos de Tono Campos xunto a José Sánchez e no K2 o subcampionato sería para o pontevedrés do Oviedo kayak Alvaro Fiuza xunto a Walter Bouzón.

Comentarios