Os Xogos Paralímpicos xa "voan" en Toquio

A ampla delegación galega está conformada por 16 representantes
As deportistas locais Karin Morisaki, Yui Kamiji e Shunsuke Uchida, durante o acendido do piveteiro. (Foto: EP).
photo_camera As deportistas locais Karin Morisaki, Yui Kamiji e Shunsuke Uchida, durante o acendido do piveteiro. (Foto: EP).

Apenas dúas semanas despois de que o Estadio Olímpico de Toquio acollese o emotivo acto de clausura dos Xogos Olímpicos máis atípicos das últimas décadas tivo lugar a cerimonia inaugural dos Xogos Paralímpicos, unha cita na que se darán cita 16 deportistas galegas, como Chano Rodríguez, Desi Vila ou Juan Antonio Saavedra. 

Toquio deu por inaugurada na xornada de onte a XVI edición dos Xogos Paralímpicos de verán, que se desenvolverán na capital xaponesa até o vindeiro 5 de setembro, cunha cerimonia de inauguración que convidou a "voar sen complexos nin medos nun mundo necesitado de diversidade e solidariedade para seguir mirando cara adiante", tal e como resaltaron desde o Comité Organizador.

Este optou por desenvolver unha apertura baixo o concepto da "apertura das alas", coa idea de transmitir o que supón para a cidade nipoa acoller esta cita e converterse na primeira en celebrar en dúas ocasións o maior evento deportivo do mundo no eido da diversidade funcional.

Deste modo, interpretaron "un conto de esperanza", cun punto de encontro tan común na vida de calquera cidadá como pode ser un aeroporto", e coa mensaxe de fondo de que "hai que mirar cara adiente con unidade", a pesar dos difíciles momentos que se están a vivir por todo o planeta a causa da pandemia.

Afganistán, presente de modo simbólico

Alén do espectáculo, tamén tivo lugar o tradicional desfile das diferentes delegacións participantes, encabezada polo equipo de refuxiados e refuxiadas, que tivo á fronte á atleta siria Alia Issa e ao nadador Abbas Karimi, único deportista na cita de Afganistán. A bandeira do país asiático tamén desfilou, portada por un voluntario en sinal de solidariedade cos momentos que está a padecer logo da chegada ao poder dos talibáns. 

Unha vez finalizado tivo lugar o acto de fechamento da cerimonia inaugural co acendido do piveteiro. Realizado ao unísono por tres destacados atletas locais -a tenista Yui  Kamiji, o xogador de boccia Shunsuke Uchida e a haltera Karin Morisaki-, agora a chama xa arde para todas, incluídas as deportistas 16 galegas.

Galiza debuta na natación

A delegación galega nos Xogos Paralímpicos de Toquio non tardou en saír á escena, pois antes de que este periódico chegue ás súas mans xa debutaron dous dos 16 representantes galegos: os nadadores Jacobo Garrido e Chano Rodríguez.

O primeiro competía ás 2 horas da noite nas eliminatorias dos 400 metros libres S9, mentres que o veteranísimo deportistas vigués estreábase nos seus sextos Xogos coa idea de dar o primeiro paso na procura da súa sexta medalla olímpica ás 3.55 horas da madrugada na primeira fase dos 200 metros libres S5.

Ademais a afección galega terá a oportunidade de seguir as evolucións de Agustín Alejos, Manuel Lorenzo e David Mouriz no España-Corea do Sur de baloncesto en cadeira de rodas ás 13.30 horas da tarde. 

Alejos xa sabe o que é saborear o éxito, pois en Río 2016 logrou unha medalla de prata que agarda ser quen de repetir na cita nipoa, e aínda que pensa que "o grupo é o máis sinxelo", sinala que hai que ir "partido a partido". 

Comentarios