As xogadoras do Burela e Teresa Portela, entre as galardoadas do Deporte Galego

Os Premios do Deporte Galego entregarán os galardóns das edicións 2019, 2020, 2021 e 2022 o 20 de marzo no Auditorio Municipal da localidade barbancesa de Ribeira. 
A padeeira Teresa Portela nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 (Foto: FEP).
photo_camera A padeeira Teresa Portela nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 (Foto: FEP).

Os Premios do Deporte Galego terán unha edición especial este ano. A chegada da pandemia impediu a súa entrega nos catro  exercicios anteriores polo que, desta vez, abranguerá o recoñecemento das actuacións que van desde 2019 até 2022, segundo publicou esta semana o Diario Oficial da Galiza (DOG).

A entrega terá lugar nunha gala que decorrerá o 20 de marzo no Auditorio Municipal da localidade barbancesa de Ribeira. Nela entregaranse 22 galardóns en 18 categorías. 

Éxitos para as mulleres deportistas

A importante presenza das mulleres entre as persoas e entidades premiadas rebela os éxitos que conseguiron as deportistas galegas en disciplinas como o piragüismo, o atletismo ou o fútbol sala.

É o caso do premio á mellor deportista que, nesta ocasión, será compartido entre a padeeira Teresa Portela Rivas e a atleta Ana Peleteiro. Ambas as dúas teñen en común coa mellor deportista feminina con discapacidade, a atleta Adiaratou Iglesias, e a mellor deportista revelación, a padeeira Antía Jácome, o traballo que realizaron durante os Xogos Olímpicos de Toquio 2020. 

Completa o recoñecemento feminino o Club Deportivo Burela Fútbol Sala. As xogadoras do equipo da Mariña foron campioas de Primeira División, da Copa da Raíña, da Supercopa de España, da Copa Xunta da Galiza, da Recopa de Europa (2019) e da Champions League (2021). 

O baloncesto da Coruña

Entre os galardóns por equipos, o premio como mellor entidade de promoción do deporte base recoñece o traballo que está a realizar o Básquet A Coruña. Esta entidade conta con 704 rapaces e rapazas, un corpo técnico de 31 persoas e 45 equipos, ademais de dez escolas externas. 

O director técnico da entidade, Rubén Vázquez, acolleu a nova do galardón con “ledicia”, segundo explica a Nós Diario. Leva tres tempadas no club, as mesmas que recolle o período dos premios, e recoñece que lles marcou moito “o esforzo que tivemos que facer durante a pandemia nós e o resto de equipos que tamén estaban na mesma situación”.

Vázquez agradece o traballo colectivo “sen o que sería imposíbel levar adiante todo isto” e pon como exemplo a complexidade de adestrar cada día en máis de doce instalacións na Coruña. 

Porén, tamén saca aspectos positivos da experiencia destes anos, sobre todo dos momentos que viviron coa pandemia.

“Sempre tivemos un trato moi diario coas familia mais coa situación provocada pola Covid-19 cheguei a coñecelas case todas ao estar tomando a temperatura nos pavillóns ou distribuíndo xel hidroalcólico”, relata, “o que foi moi malo como situación serviume para que viran que un director deportivo é unha persoa normal”, engade.

A listaxe de galardóns no mundo do deporte galego continúa co padeeiro Carlos Arévalo, o tenista Martín de la Puente, e  clubs como o Tríatlon Cidade de Lugo, as Escolas de Balonmán Xiria e o Bueu Atlético Balonmán. Tamén se recoñece o traballo do IES Manuel García Barros de Pontevedra, os Mundiais de Loita Sub-23 2019 e O Gran Camiño Cycling 2022.

O Burela sacou forzas durante a pandemia

En declaracións a Nós Diario, a capitá do equipo, Patricia González 'Peque', asegura que este recoñecemento que se lles fará durante os Premios do Deporte Galego  prodúcelles “orgullo”.

Lembra que os anos de pandemia “foron duros, como para todo o mundo, no noso caso como deportistas que pasamos dunha actividade de 100% a estar en casa" mais  "aínda así soubemos sacar forzas e unión para conseguir todos estes títulos”, sostén.

Teresa Portela e os Xogos Olímpicos

Teresa Portela, en declaracións a Nós Diario, asegura que “será pracer recibir este premio como mellor deportista feminina; que pensasen en min e sempre é bonito que recoñezan o traballo de todos estes anos”.

Sinala que “será especial volver reunirnos despois dun parón tan grande sen celebrar os premios galegos”. Lembra os anos anteriores como “de desconcerto, descoñecemento, adaptación a novas situacións”, un momento “complicado cando me estaba preparando para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 e coméntannos que se aprazan, pero adestrando desde casa, e sen data”.

Tamén recorda o que sentiu cando se anunciou a nova data en 2021. “Quería gozar dos que eran os meus sextos Xogos Olímpicos, pero coas ganas de subirme ao podio”. Unha vez conseguido “o 3 de agosto de 2021 puiden vivir o momento deportivo máis especial de toda a miña carreira deportiva”.

A padeeira atópase agora embarcada nunha nova aventura: a de loitar por unha praza olímpica nos Xogos de París 2024.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios