A XIX Volta a Galiza comezará en Ponteareas lembrando a Pino

A proba terá etapas tamén en Muras e Cariño. Esta edición está dedicada a Guillermo Sande, falecido o pasado mes de xaneiro, responsábel técnico da Federación de Ciclismo Galego.
Presentación da XIX Volta a Galiza (FGC).
photo_camera Presentación da XIX Volta a Galiza (Foto: FGC).

A décimo novena edición da Volta Ciclista a Galiza chega inzada de homenaxes a deportistas que marcaron a diferenza neste deporte. Esta terza feira tivo lugar en Ponteareas a presentación da proba deste ano que comezará nesa vila o 16 de setembro para rematar en Cariño o 19 de setembro. 

No acto, desveláronse os detalles do percorrido, que inclúe unha contra o reloxo inicial en Ponteareas de 6 quilómetros con varias costas e xiros técnicos. A segunda xornada, tamén en Ponteareas, terá un total de 143 quilómetros con dúas ascensións a metade de etapa e dúas voltas a un circuíto final con paso pola subida a Vilasobroso. A carreira desprazarase despois até Muras para disputar a terceira etapa.

A saída e meta serán nesa vila cos portos máis exixentes na parte inicial, dúas subidas de segunda categoría como As Lobeiras e San Vicente, e a definitiva ascensión a Viveiró a 10 quilómetros de meta.

A Volta a Galiza deixa para a xornada do domingo en Cariño unha etapa semellante á que decidiu a Volta Coruña 2019. As subidas da Faladoira e Cruz Encarnada deixarán paso á Garita de Herbeira, de primeira categoría cos seus últimos 5 quilómetros a máis do 7% de pendente, e que desde o seu cume propón un revirado e técnico descenso ata a meta tras 125 quilómetros. 

Participarán 16 equipos

Os 16 equipos que tomarán parte da competición son os galegos Aluminios Cortizo,  GSport-Grupo Innova Tormo, Lasal Cociñas-Louriña, Club Ciclista Vigués/ Telcom On Clima Osés, Oiense Turonia  Maglia, Team Farto BTC, Supermercados Froiz, Retelec Alca e Vigo-Rías Baixas, os cántabros do  Gomur-Cantabria, os madrileños do EOLO Kometa, os navarros do Caja Rural-Seguros RGA, os leoneses do Previley Coforma Atra Sport e do León ULB, os extremeños do Bicicletas Rodríguez-Estremadura e os asturianos do Ciudad de Uvieu.

Entre os ciclistas favoritos na meta están Raúl García de Mateos (Cortizo), Pablo Alonso (Froiz) ou Benjamí  Prades (Vigo-Rías Baixas). O último vencedor da proba foi Martí Márquez (Lizarte), agora profesional co Kern Pharma. A carreira terá emisión por streaming en directo a través de EMESport. 

Esta edición da Volta está dedicada a Guillermo Sande, falecido o pasado mes de xaneiro, responsábel técnico da Federación de Ciclismo Galego durante case 25 anos. Ademais, celebrarase o 35º aniversario da vitoria de Álvaro Pino na Volta a España.

Comentarios