Xetafe, antepenúltimo obstáculo celeste

O Celta xoga hoxe en Balaídos coa obriga de gañar para loitar por Europa
Renato Tapia está a ofrecer a súa mellor versión co novo sistema empregado polo técnico arxentino.(Foto: RCCelta).
photo_camera Renato Tapia volverá ser baixa no Celta, uníndose á lista de ausencias o defensa mexicano Araújo. (Foto: RCCelta).

"Mentres hai vida hai esperanza". Pero, ollo, non vaia acontecer iso de "tanto nadar pra morrer na beira". Topicazos e frases feitas á marxe, o Real Club Celta de Vigo está nunha situación privilexiada para volver disputar unha competición europea catro anos despois, pois se ben a clasificación reflicte unha ampla desvantaxe de cinco puntos co sétimo clasificado cando quedan só nove por disputar, a ausencia de presión por conseguir un obxectivo que si resulta unha obriga para os seus rivais sitúao no mellor dos escenarios posíbeis. 

O seu adversario no primeiro dos tres match-ball -tomando prestada a terminoloxía do tenis- que lle queda por disputar ao conxunto celeste é un Xetafe que recibe hoxe ás 20 horas no Estadio Municipal de Balaídos. A escuadra madrileña tamén precisa dos puntos, pois está sumida nunha fonda crise que a levou de ocupar unha cómoda posición na metade da táboa a ver polo espello retrovisor como cada vez está máis preto dos postos de descenso á Segunda División.

Como aconteceu este pasado domingo ante o Vilarreal, Eduardo Coudet terá que volver formar un once inicial moi condicionado polas lesións. Con Tapia e Murillo aínda descartados e Araújo sancionado, o preparador arxentino verase obrigado a artellar unha defensa de circunstancias, tendo en conta ademais que abusar dos xogadores do filial podería prexudicar a preparación do Celta B de cara á decisiva eliminatoria de ascenso á Segunda División, que disputarán este domingo ante o Athletic de Bilbao B.

Mais non todo van ser malas novas, porque a evolución de Aidoo e do emblema Iago Aspas é positiva, e ambos poderían estar listos para o choque ante o Xetafe. Ademais, o equipo sacudiuse ante o Vilarreal a 'Aspasdependencia', tomando o relevo do temón xogadores como Denis Suárez, Brais Méndez ou, sobre todo, Santi Mina, quen aos seus 25 anos parece ter alcanzado por fin a madurez futbolística e está certificando a mellor campaña da súa carreira, na que leva xa 10 goles e está xa a tan só dous do seu mellor rexistro anotador, conseguido co Valencia hai tres tempadas.

A canteira máis frutífera do Estado: ningún equipo conta con máis xente da casa

A presenza de xogadores procedentes das categorías inferiores deixou de ser noticia hai xa varios anos no Real Club Celta de Vigo, razón pola cal resultan aínda máis relevantes os datos feitos públicos por un estudo desenvolvido polo CIES Football Observatory e que indican que o celeste é o club con máis minutos de canteiráns nas cinco principais ligas europeas, o que pon en valor todo o traballo desenvolvido coa base ao longo dos últimos tempos.

Segundo este informe, no Celta participaron ao longo do que vai de tempada un total de 13 diferentes, cifra que aumentou até 14 o pasado domingo co debut ante o Vilarreal do central Carlos Domínguez. 

Estes canteiráns coparon 49% do total dos minutos de xogo, o que deixa o Celta medio punto por diante da Real Sociedade (48,5%) e o Athletic de Bilbao (40,6), entidades consideradas historicamente como as mellores canteiras do Estado xunto co Fútbol Club Barcelona (29,6%) e o Real Madrid (16,6%). A nivel europeo, só os franceses do Saint-Etienne (35%) se aproximan minimamente ás cifras celestes.

Comentarios