Xela Martínez, intratábel nos 3.000 metros Sub-16

A deportista do Atlética Lucense foi a protagonista galega no campionato de Federacións en Cuenca. Oleksandra Kostenko levou a prata co seu segundo posto na distancia dos 3.000 metros marcha.
Martínez continuou en Cuenca coa súa progresión de vitorias (RFEA).
photo_camera Martínez continuou en Cuenca coa súa progresión de vitorias (Foto: RFEA).

O Campionato de España CSD de Federacións Autonómicas Sub-16, realizado esta fin de semana pasada en Cuenca, foi o primeiro estatal en pista con presenza de público tras a pandemia da Covid-19.

Máis alá dos resultados globais, nos que Andalucía gañou nas categorías feminina e masculina, a Galiza certificou o bo estado de forma de Xela Martínez (Escola Atlética Lucense), que gañou con autoridade a proba dos 3.000 metros lisos cun rexistro de 10.08.58 minutos.

A plusmarquista galega leva unha impresionante tempada e xa conseguira o récord de España Sub-16 e Sub-18 nos 3.000 metros cun rexistro de 9:28.34 e o récord autonómico nos 1.000 metros, cunha marca de 2:49.31. 

Outras medallas

A participación galega noutras disciplinas obtivo resultados desiguais. Salientou a medalla de prata da compañeira de equipo de Xela, Oleksandra Kostenko, co seu segundo posto na distancia dos 3.000 metros marcha cun crono de 14.45.37 minutos, mentres que Antía Pernas (Lucus Caixa Rural) quedaba terceira na carreira dos 100 metros lisos cun tempo de 12.77 segundos.

As outras medallas foron as de Lisa Vosberg Castro (Agrupación Viguesa de Atletismo), terceira en pértega mulleres cunha altura de 2,90 metros, e tamén a de bronce de Nayr Cortegoso Figueroa (Sociedade Atlética Val Miñor), en lonxitude mulleres, cun salto de 5,31 metros. 

Perto do podio

Outras actuacións que estiveron a piques de entrar no podio foron as de Pablo Sánchez (Escola Atlética Lucense) ao chegar en cuarta posición nos 3.000 marcha masculinos ou a de Martín Vázquez (Lucus Caixa Rural) que rematou na quinta posición nos 100 metros valos. Sara Guedes (Escola Atlética Lucense), polo seu lado, finalizou quinta nos 1.500 metros obstáculos, mentres que Pepe Sánchez (Franciscanos) chegaba sexto na carreira masculina.

Teo de Frutos (Lucus Caixa Rural) logrou unha quinta posición  nos 3.000 metros masculinos, a mesma posición que conseguiu  Amparo Corredoira nos 1.000 metros femininos.

Por último, e algo máis lonxe das posicións que levan aos metais, quedaron Brais Díaz (Escola Atlética Lucense) que rematou na sétima posición no lanzamento de peso e Andrés López Rodríguez (Lucus Caixa Rural) que foi décimo no concurso do triplo salto.

Comentarios