White mantén o liderado da Volta á espera da etapa de Manzaneda

As comarcas de Chantada, A Ulloa, Lemos e Sarria viviron esta sexta feira a segunda etapa da Volta á Galiza. O gañador da xornada foi Edgar Cadea (TelcOnClima) e Alexander White (Lourina Cycling) continúa a ser líder.
O podio da segunda etapa da Volta á Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera O podio da segunda etapa da Volta á Galiza (Foto: Nós Diario).

Na segunda etapa da Volta á Galiza, con 117 ciclistas en liza no pelotón da rolda galega Elite-Sub23, o gañador na meta de Taboada foi Edgar Cadea (TelcOnClima) seguido de Fernando Tercero (Fundación Contador Team) e de Barry Miller (Rias Baixas).

As comarcas de Chantada, A Ulloa, Lemos e Sarria disfrutaron este venres do paso da segunda etapa da XX Volta á Galiza patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O lider continúa a ser Alexander White (Lourina Cycling). Alejandro Gomiz (Froiz) foi un dos protagonistas da xornada tras participar nunha escapada xunto a tres corredores máis.

Hoxe terá lugar a etapa raíña con principio e final na estación de montaña de Manzaneda, a 1.484 metros de altitude e tras superar durante case 12 quilómetros un desnivel de perto de 7 %.

Ás 11.55 horas será a saída neutralizada desde a estación, iniciándose a etapa real ás 12.30 horas.

O trazado de competición ten 114,2 quilómetros polos concellos de Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, A Veiga, O Bolo e Manzaneda.

O trazado ten dúas metas volantes, no Barco e na Veiga, a suba ao Alto da Portela -de segunda categoría-, a Soutipedre -de segunda- e a ascensión final á estación de montaña -de primeira-.

Comentarios