A voracidade de Saqués devora Nafti

O despedimento do máximo responsábel do primeiro equipo lucense foi a principal noticia dunha xornada futbolística galega na que o Celta salvou un punto de ouro sobre a bucina grazas a un testarazo de Murillo no último minuto e os conxuntos da Segunda B tiveron un valioso descanso antes de afrontar os tres últimos partidos.
Nafti deixa o equipo con seis puntos de marxe sobre os postos de descenso a Segunda División B. (Foto: La Liga).
photo_camera Nafti deixa o equipo con seis puntos de marxe sobre os postos de descenso a Segunda División B. (Foto: La Liga).

Luis Milla, José Durán, Luís César, Francisco Rodríguez, Javi López, Alberto Monteagudo, Eloy Jiménez, Curro Torres e Juanfran conformaban, até este domingo, a longa listaxe de adestradores do Club Deportivo Lugo que sucumbiron ao furacán Saqués desde o ascenso do empresario á presidencia da entidade albivermella en maio do ano 2015.

A última marca no revólver dun pistoleiro de gatillo fácil como é Saqués foi o franco-tunisiano Mehdi Nafti, toda unha peza de caza maior, pois o despedimento do home que revitalizou un equipo albivermello que no momento da súa chegada, en outubro de 2020, estaba afundido na antepenúltima posición e que a día de hoxe goza dun cómodo colchón de seis puntos sobre os postos de descenso a Segunda División B estaba fóra de calquera prognóstico.

Non obstante, a dura derrota (1-4) na casa do Almería, terceiro clasificado, provocou o cesamento de Nafti, "decisión tomada, principalmente, con base na análise da traxectoria demostrada até a data e na dinámica de resultados cultivados polo equipo" nas últimas xornadas, onde sumou tan só unha vitoria en nove partidos.

Con todo, o balance global do cuatrimestre de Mehdi Nafti á fronte do Club Deportivo Lugo deixa moitas máis luces que sombras, pois pese á evidencia dos datos transmitidos polo Consello de Administración lucense, este omite que baixo a dirección do ex de Badaxoz, Mérida e Marbella, os albivermellos aínda non coñecen o que é a derrota no Ángel Carro, e que a solidez defensiva que conseguiu implantar no equipo levouno a que até o de agora non apañase nin unha soa vez dúas derrotas de modo consecutivo.

Empate con sabor a vitoria do Real Club Celta

O único representante galego na Primeira División obtivo un empate con sabor a vitoria en Balaídos ante o Real Valladolid do ex deportivista Sergio González, logo de que Jeison Murillo materializase un tanto no minuto 94 de partido que serviu para estabelecer o 1-1.

O empate supón un respiro para un Chacho Coudet que perdeu a maxia dos seus primeiros partidos e que, de aplicar a directiva do Celta a mesma rapadoira que a do Lugo, tería que estar fóra do equipo, pois igual que Nafti suma só un triunfo en nove partidos. 

Comentarios