Iriome, xogador do CD Lugo: "Volver adestrar é como un agasallo de Reis"

O centrocampista albivermello partilla as súas sensacións logo de retomar os adestramentos, unha vez finalizado o alto obrigatorio provocado pola pandemia da COVID-19
Iriome,-adestrando-co-Club-Deportivo-Lugo
photo_camera Iriome González, adestrando co Club Deportivo Lugo (Foto: C.D. Lugo).

O tinerfeño Iriome González é un home feliz. Aos seus 32 anos (33 desde o 22 do vindeiro mes de xuño), afronta sen medos a parte máis imprevisíbel da súa etapa de case seis anos no Club Deportivo Lugo.

Ao longo deste tempo anterior ao parón provocado pola pandemia da COVID-19, o centrocampista sempre foi un home importante dentro e fóra do campo, até o punto de converterse nun dos tres capitáns do equipo albivermello.

De feito, durante este período de confinamento escribiu unha versión do multi-reproducido ‘Resistiré’ que se fixo viral entre as seareiras do conxunto lucense.

"Ilusión"

Superada a fase 0 do confinamento e retomados os adestramentos, Iriome móstrase “ilusionado” ante este novo escenario, que para el é “como un regalo de Reis”.

“As sensacións están a ser bastante positivas, e máis tendo en conta que vimos de adestrar na casa, na que estás moi condicionado por non facer movementos con distancias, e no campo de fútbol non tes ese problema”, explica.

A palabra “gañas” é a que máis sae da súa boca: “Gañas de pór as botas, de coincidir nos adestramentos... porque ao final si que nos vemos ao longo da mañá, pero uns van entrando e outros saíndo, e cando rematamos duchámonos na casa, pero podemos cruzarnos e saudarnos na distancia”.

Distribuídos en quendas de adestramentos, o mediocampista canario está no grupo dos máis madrugadores, xunto a homes como Pita, Seoane, Josete, Roberto Canella e Manu Barreira, unha planificación que se prolongará durante o día de mañá. Na cuarta feira, 13 de maio, a escuadra da cidade das murallas descansará antes de retomar os adestramentos ao día seguinte.

Comentarios