Volve o mellor fútbol do continente

España-Suíza e Bélxica-Italia abren hoxe os cuartos de final da Eurocopa.
Os helvéticos, cos fillos de galegos Ricardo Rodríguez (na imaxe) e Benito Souto á fronte, queren dar a sorpresa ante os de Luis Enrique. (Foto: Europa Press).
photo_camera Os helvéticos, cos fillos de galegos Ricardo Rodríguez e Benito Souto á fronte, queren dar a sorpresa ante os de Luis Enrique. (Foto: Europa Press).

A Eurocopa de fútbol regresa hoxe despois de dúas xornadas de descanso nas que os oito equipos sobrevivintes colleron forzas de cara a un último tramo de campionato que aínda se estenderá, no caso dos dous conxuntos que consigan clasificarse para a gran final, até o vindeiro 11 de xullo.

Os dous primeiros choques en disputarse serán Suíza-España (San Petersburgo, 20 horas) e Bélxica-Italia (Múnich, 21 horas). Destas catro seleccións sairá o nome dun dos finalistas do torneo, pois están no mesmo lado da chave.

No conxunto helvético agardan, igual que fixeron nos oitavos de final fronte a Francia campioa do mundo, volver dar a sorpresa ante un combinado español ao que só foi quen de derrotar unha vez nos seus 22 primeiros enfrontamentos previos, curiosamente no partido inaugural daquel Mundial de Sudáfrica 2010 do que Iker Casillas acabaría levantando o trofeo.

O único supervivente dese cadro de xogadores é un Sergio Busquets que aos seus 33 anos continúa a ser peza chave nos esquemas da 'Roja', como se demostrou logo de que durante a súa ausencia nos dous primeiros partidos da Eurocopa -a causa da Covid-19- España non puidese pasar do empate e logo do seu regreso conte os seus partidos por vitorias e anotando unha media de cinco goles por partido.

Xunto a el, os Morata, Pedri, Koke e o resto de indiscutíbeis para Luis Enrique tratarán de frear o ímpeto da gran revelación da competición -con permiso de Dinamarca-, un bloque unido e sólido no que xunto co goleador Seferovic brillan os fillos de galegos Loris Benito Souto e Ricardo Rodríguez, este último peza chave para o seleccionador  Vladimir Petkovic.

Final anticipada en Múnich

Se o España-Suíza pode ser interpretado como un David contra Goliat, o Bélxica-Italia é unha auténtica final anticipada entre dous dos máximos favoritos a facerse co cetro continental.

O gañador, ademais do premio da clasificación para as semifinais, estabelecerá un récord que tardará moito tempo en ser superado, pois ambos igualaron na rolda anterior o récord de 14 triunfos consecutivos que tiña por Alemaña, polo que quen saia vitorioso escribirá o seu nome nos libros de historia.

Repasando home por home, resulta moi complicado determinar cal dos dous equipos é superior: Donnaruma ou Courtois? Lukaku ou Immobile? Por compartir, até os seus adestradores, Mancini e Martínez, levan o mesmo nome, Roberto, polo que a única previsión plausíbel que cabe facer é que a gañadora, como en toda esta Euro, será a afección.

Comentarios