xoves 01/10/20

Volve a Liga Asobal con sensación agridoce para Balonmán Cangas e Cisne de Pontevedra

A elite galega do balonmán regresa con derrotas despois de seis meses de parada
O Cangas Frigoríficos do Morrazo comezou con derrota ante o Bidasoa a súa andadura na Asobal (Foto: BM Cangas).
O Cangas Frigoríficos do Morrazo comezou con derrota ante o Bidasoa a súa andadura na Asobal (Foto: BM Cangas).

Disque o dous vai despois do un e antes do tres. Pero, como explicaba sen misericordia a personaxe de O'Brien a Winston Smith nas dependencias do Ministerio do Amor na novela de Orwell 1984, "2+2 poden ser 5".

Atendendo a ese razoamento podemos comprender que este ano a Liga Asobal, a máxima categoría do balonmán a nivel estatal, comece na xornada 2 e que, unha vez rematada, pase a disputarse a cuarta. Mais, chanzas a un lado, todo ten unha explicación: a presenza de casos positivos en Covid-19 nalgúns clubes levou a tomar esta peculiar medida, ante a ausencia dun protocolo de actuación unificado que xa debería de estar en vigor.

O Palacio Municipal dos Deportes de León foi o escenario escollido para o inicio da tempada na XXXI edición da Asobal, nun encontro que enfrontou o Abanca Ademar de León co Club Balonmán Benidorm, un choque que foi inmediatamente seguido polo debut do primeiro dos dous equipos galegos que son da partida na competición, o Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas.

Lamentabelmente, a ledicia por volver disputar un partido despois de seis meses axiña quedou opacada pola impotencia no xogo ante un Bidasoa Irún que se mostrou superior en todo momento e asinou ante os do Morrazo unha cómoda vitoria por 22-35, nun encontro que tiña controlado e sentenciado xa no primeiro tempo (10-18 no minuto 25).

Con todo, comezou dominando o conxunto galego (asinando parciais de 3-1 e 5-4), pero as súas perdas de balón en ataque e o brazo do lateral -e letal- húngaro Donat Bartok, que anotou seis tantos no primeiro tempo, axiña cambiaron as tornas.

O adestrador do Frigoríficos, Nacho Moyano, pediu tempo morto e variou o seu sistema defensivo, pasando do 6-0 ao 5-1, con Dani Fernández de avanzado, mais as numerosas perdas do seu equipo, demasiado acelerado, permitiron ao Bidasoa romper o choque grazas á súa efectividade no contraataque.

Esas continuas perdas na circulación foron un lastre durante todo o partido para un Balonmán Cangas que na segunda parte xa rotaba pensando no derbi do próximo sábado contra o Cisne, un rival directo na pelexa por eludir o descenso.

Os de Pontevedra, pola súa banda, estreáronse na máxima categoría no pavillón do histórico Granollers catalán co "único soño da permanencia", como sinalou na previa o seu técnico, Javier Fernández 'Jabato'.

En Granollers, o Cisne plantou cara a un rival superior, chegando mesmo a estar por diante no marcador logo do tempo de descanso (12-13), pero o maior fondo de armario dos seus rivais impúxose e perderon 27-21.  

comentarios