Volve o Celta baixo a sombra das inundacións en Balaídos

Os olívicos reciben o Sevilla hoxe ás 19.15 horas
As fortes chuvias previstas poderían pór en perigo o partido. (Foto: EP).
photo_camera As fortes chuvias previstas poderían pór en perigo o partido. (Foto: EP).

Volve o fútbol de Primeira División despois da longa parada imposta pola Copa do Mundo, e faino cun desafío de gran magnitude para o Real Club Celta de Vigo, que recibe en Balaídos ás 19.15 horas de hoxe o Sevilla Fútbol Club

Cuarto e terceiro pola cola, respectivamente, olívicos e hispalenses teñen a imperiosa necesidade de sumar de tres en tres para encarar o novo ano que está a piques de comezar co optimismo de saberse capaces de abandonar definitivamente a zona baixa da clasificación.

O técnico celeste, Carlos Carvalhal, explicou antes do choque que está convencido de que os seus homes "poden crear moitas dificultades ao Sevilla", e confía en que se repita a liña do recente duelo de Copa ante o Gernika, "creando moitas oportunidades e recibindo menos ocasións". 

Pola súa parte, o seu homólogo sevillista, Jorge Sampaoli -quen leva no cargo apenas tres meses, nos que non foi quen de corrixir o errático rumbo dun transatlántico deseñado para cotas moito máis elevadas que evitar o descenso- mostrou a súa preocupación polo estado do céspede de Balaídos logo das recentes inundacións, algo ao que Carvalhal quitou ferro indicando que "está ben, para xogar".

Porén, o portugués apostilou, nun acto de fe, que agarda "que non haxa dioivo", algo que non é en absoluto descartábel dada a alerta climatolóxica de nivel amarela en Vigo no momento do xogo, e que xa levou á directiva do club a suspender as actividades de exterior programadas nas horas previas, incluído o concerto de Keltoi! e o recibimento masivo aos xogadores.

Con respecto ao once inicial do Celta, Carvalhal, que ten a todos os seus futbolistas dispoñíbeis, podería apostar por un 5-3-2 para frear o fútbol combinativo de Sampaoli, con Marchesín na portería; Javi Galán, Unai Núñez, Aidoo, Mingueza e Kevin na defensa; Tapia, Cervi e Gabri Veiga no medio do campo; con Larsen e Aspas en ataque. 

Memorial Moncho Rivera e Trofeo Emma Cuervo

O fútbol en Segunda e Primeira RFEF volverá a próxima semana, polo que Rácing de Ferrol e Lugo aproveitarán para competir entre eles polo XXIII Memorial Moncho Rivera hoxe (19 horas) na Malata. Ademais, Ribadeo acolle a LXXI edición do histórico Emma Cuervo, que enfrontará os filiais de Dépor e Lugo ás 16.30 horas de hoxe.

Comentarios