Volve o Atlético Guardés logo de tres semanas sen competir

O Balonmán Porriño, pola súa banda, buscará seguir gañando para mirar arriba
As de Prades agardan non padecer a inactividade. (Foto: Guardés)
photo_camera As de Prades agardan non padecer a inactividade. (Foto: Guardés)

Esta é a tempada das incógnitas, e así a está padecendo o Atlético Guardés. O equipo que adestra Jose Ignacio Prades viviu nos últimos días varios cambios importantes na súa planificación, e ao aprazamento do partido co Aula de Valladolid uniuse a clasificación directa para o  Last 16 da EHF European Cup polas restricións que afectaban ao LK  Zug suízo. 

Finalmente, hai apenas 48 horas, recibían a notificación dun novo adiamento a causa da Covid-19, contra o Rincón Fertilidadde Málaga que tiña previsto desenvolverse o sábado 14 deste mes. 

Polo tanto, nesta intermitente Primeira División hai que aproveitar as oportunidades de xogar, e así o farán mañá ás 20 horas nas Illas Canarias contra o recentemente ascendido Cicar Lanzarote, nun encontro correspondente á sexta xornada da Liga Guerreiras Iberdrola.

O conxunto insular vive a primeira tempada da súa historia na máxima categoría, e polo de agora tan só conseguiu puntuar ante o Pereda (20-21) e marcha sexto na clasificación, mentres que as da Guarda son favoritas a pesar das importantes baixas de Sarah Valero, Rosario Urban e Martina Mazza tanto por experiencia como pola súa condición de terceiras clasificadas na Liga, co hándicap de contar cun partido menos que o resto dos equipos.

O técnico do Atlético Guardés salientou que as "ganas de competir" das súas pupilas compensarán a "carencia de ritmo competitivo", e congratulouse pola forma de adestrar das xogadoras galegas.

O Porriño mira arriba

Pola súa banda, o outro representante do país na categoría, o Clube Balonmán Porriño, enfrontarase tamén este sábado, concretamente ás 18 horas, co Adesal Córdoba na casa das andaluzas. Para o preparador do Porriño, Ismael Martínez, o Córdoba é un equipo "que chega nunha situación delicada, e por iso quizais sexan aínda máis perigosas”.

En contraposición á escuadra califal, que aínda non sabe o que é a vitoria, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño impúñase na pasada xornada a un dos favoritos do Grupo  B, o  Rocasa Gran Canaria, cun resultado de 25-27. Desta forma, as galegas atópanse na quinta posición da táboa e soñan con seguir escalando chanzos a base de bo xogo e goles.

Comentarios