A Volta Feminina contará coa presenza galega da man do club ciclista Farto-BTC

O equipo ciclista pontevedrés Farto-BTC competirá nesta edición da Volta Feminina, convidado pola organización. A proba, que decorrerá en maio, contará con doce formacións de categoría mundial e outras tantas da segunda división. 
Ariadna Gutiérrez, Mandana Dehghan, Agata Flis, Pilar Jiménez, Veronika Jandová e Lina Svarinska (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ariadna Gutiérrez, Mandana Dehghan, Agata Flis, Pilar Jiménez, Veronika Jandová e Lina Svarinska (Foto: Nós Diario).

A vindeira edición da Volta Feminina contará con presenza galega entre os equipos participantes. O pontevedrés Farto-BTC, único conxunto UCI da Galiza, foi formalmente convidado a intervir e estará na saída o 1 de maio na cidade alacantina de Torrevella (País Valencià).

A proba estatal contará con doce equipos World Tour (máxima categoría mundial) e outros doce Continentais (segunda división mundial, onde está o Farto-BTC). 

Ciclistas por decidir

O director do equipo, Brais Dacal, explica a Nós Diario, que será “unha oportunidade incríbel de mostrar a Galiza no mundial do ciclismo”. A Volta retransmítese por televisión en directo para todo o mundo, con máis de 58 millóns de persoas que seguen a carreira en modo dixital e case un millón de espectadoras e espectadores nas estradas por onde pasa. 

Dacal ten como obxectivos para esta proba “sobre todo deixarse ver e pelexar as clasificacións secundarias como é o caso das escapadas”. Recoñece que é “moi complicado traballar para a clasificación xeral ao estar presentes equipos do World Tour”. 

O responsábel deportivo do Farto-BTC sinala que aínda non conta coa listaxe definitiva das ciclistas que participarán e “todo dependerá das incorporacións de reforzo que están por vir”. Ten claro que “todas teñen a oportunidade de entrar, mesmo as ciclistas do filial se demostran que están preparadas para dar o salto ao primeiro equipo”. 

O calendario para as deportistas do equipo galego será intenso eses días. Pouco antes participarán na Volta a Catalunya e despois da Volta correrán a Clásica de Nafarroa, a Durango-Durango, a Volta a Andalucía e o Tour dos Pireneos, en Francia.  

Unha das ciclistas que podería estar na Volta co equipo galego é Ariadna Gutiérrez. A mexicana da Unión Ciclista Internacional  (UCI) considera esta proba como “un gran reto que nos motiva moito, a pesar do respecto que lle temos”.

Salienta que ela e as súas compañeiras están seguras de que “non imos deixar pasar a oportunidade e loitaremos por facernos visíbeis, grazas á confianza do equipo, que nos anima sempre a correr con valentía”.

Fichaxes galegas no filial

O persoal do equipo de desenvolvemento do Farto-BTC reforzouse con dúas novas incorporacións galegas: a porriñesa Laura Mira, procedente do Super Froiz, e a triatleta pontevedresa Saleta Castro.

Laura Mira centrouse na súa etapa xuvenil no ciclocrós e chega ao Farto-BTC "afrontando novos retos con ganas de dedicarme á estrada e crecer dentro deste gran equipo, sen esquecerme de agradecer a experiencia e o apoio que tiven no seu momento en Super Froiz".

Pola súa parte, a destacada triatleta Saleta Castro únese ao Farto-BTC cun obxectivo similar de "poder tomar parte en probas de estrada e aprender desta disciplina co amparo do único equipo UCI galego".Ambas as dúas debutaron na Copa de España de Noia o pasado domingo coas novas cores do Farto-BTC.

Comentarios