Vogar na casa ben tira do remo: Cabo e Tirán sitúanse entre os 4 primeiros na #LigaSanMiguel

O campionato de traiñeiras desembarcou en Galiza con regatas en Sanxenxo e Moaña, gañadas por Urdaibai e Hondarribia. Na Liga galega, dominio grovense nas categorías A e B, e crucense na feminina.

Traiñeira Tirán
photo_camera Traiñeira Tirán

A Liga San Miguel ou ACT desembarcou en Galiza con 2 regatas (Sanxenxo e Moaña), que foron aproveitadas polas traiñeiras galegas que compiten na máxima categoría deste deporte para gañar puntos e dar un bo chimpo na clasificación xeral, situándose 2 dos barcos galegos (Cabo de Cruz e Tirán) entre os 4 primeiros postos. Na Liga San Miguel compiten 12 traiñeiras: 8 vascas, 1 cántabra e 3 galegas (Cabo, Tirán e Meira).

Traiñeira Meira

Na regata de Sanxenxo venceu Hondarribia, actuais campións da Liga e que nesta temporada manteñen a primeira posición, cun tempo de 19:54:72. A menos de dous segundos entrou a traiñeira de Cabo de Cruz, que conseguiu a segunda posición. O terceiro posto foi para San Juan e de cuarta entrou Tirán. Meira foi décimo-segunda. Na competición en augas de Moaña foi a tripulación de Urbaibai a que se impuxo, por diante de Hondarria (2ª), de San Pedro e de Tirán, que entrou cuarta. Cabo finalizou sexta e Meira, 12ª.

Así as cousas, os de Hondarribia encabezan a clasificación xeral, seguidas dos de Bermeo (Urbaibai) e con Cabo de Cruz e Tirán en terceiro e cuarto posto, por diante de Astillero e Orio, por dicir 2 traiñeiras de renome e peso no banco fixo. Meira, que ascendeu esta temporada, vai de última na clasificación.

Traiñeira cabo de cruz 2

Liga Galega

Na Liga galega de traiñeiras (LGT) o dominio é grovense. Tanto a categoría A como a B están lideradas a estas alturas por traiñeiras da localidade arousá: Amegrove e Mecos. Na primeira das divisións (A, compiten 8 traiñeiras), Mugardos e Ares están en segunda e terceira posición. Na B (compiten 7 embarcacións) seguen a Muros na claisificación a asturiana Castropol, Chapela e Rianxo.

As vogadoras de Cabo de Cruz van líderes na LGT-feminina, por diante de San Martiño e Chapela.

Todas as fotografías son de Maider Celada (Liga San Miguel). A de portada, da traiñeira de Cabo de Cruz. Dentro: Tirán, Meira e Cabo.

Comentarios