Vitoria das equipas de casa na segunda xornada do campionato a sete de fútbol gaélico

Fillos de Breogán e Ártabros superaron os seus partidos diante de Irmandinhos e os Mecos Ogrobe.

A Coruña Fillos de Breogán gañou a Irmandinhos
photo_camera

O primeiro campionato oficial na Galiza de fútbol gaélico continuou esta fin de semana na cidade da Coruña. Tivo lugar na Cidade Deportiva da Torre de Hércules e reuniu á equipa anfitroa, Fillos de Breogán, cos Irmandinhos da Estrada, os Ártabros de Oleiros e os Mecos Ogrobe.  

Nesta xornada o primeiro encontro, marcado polas baixas nos dous conxuntos, gañou Fillos de Breogán a Irmandinhos por 4 goles e 10 puntos (22 puntos en total, xa que o gol  vale tres puntos) contra tres puntos dos estradenses. Aínda así, nos primeiros compases do encontro, os Irmandinhos chegaron a ir gañando por 2-3. As fotografías que ilustran este artigo son deste partido. 

O outro encontro desta xornada enfrontou a Mecos Ogrobe, equipa que se estreaba, ante os Ártabros de Oleiros. Os grovenses son o conxunto con media de idade máis baixa do campionato e os oleirenses o que ten un equipo máis veterano. Malia que o ímpetu dos Mecos lles serviu para poñerse por diante no marcador nos primeiros minutos de partido, os Ártabros tiraron de oficio e dureza no xogo e gañaron por 18 (3 goles e 9 puntos) a 11 (3 goles e 2 puntos).

Fillos de Breogán lideran a clasificación provisional con catro puntos e no último posto están os Irmandinhos que aínda non gañaron ningún partido.

Fotos: Kamy Fernández

Comentarios