Segundo fontes da investigación

Villar fai negocio coa celebración de partidos da selección española

Continúa a investigación de supostos tratos de favor do presidente da RFEF, Ángel María Villar a dirixentes territoriais para garantir a súa continuidade no cargo. Sospéitase que podería estar a obter beneficios persoais a través de distintas empresas ao impulsar a realización de partidos da selección española, a se lucrar de contraprestacións económicas en beneficio do seu fillo Gorka, avogado experto en dereito deportivo.

Ángel María Villar, presidente de Federación Española de Fútbol Foto: RFEF
photo_camera Ángel María Villar, presidente de Federación Española de Fútbol Foto: RFEF

Axentes da Garda Civil entraron na sede da Federación, durante a mañá da terza feira, en Santa Cruz de Tenerife. Mentres o rexistro segue o seu curso, o Instituto Armado mantén precintadas as portas do valado que rodea o inmoble. A Dirección Xeral da Garda Civil precisa nun comunicado que os investigadores determinaron que o vicepresidente económico da RFEF e dirixente tinerfeño, Juan Padrón, “se tería excedido presuntamente nas súas facultades de administración do patrimonio” da entidade. Amais de favorecer a contratación de sociedades das que obtivo un beneficio propio en forma de contrapestación económica, participou, xunto co secretario da Federación Tinerfeña, nunha operativa continuada de apropiación de fondos a través do desvío destes a unha sociedades xestionada por ambos.

Outro dos puntos desta investigación están a ser os posíbeis casos de revendas de entradas. Segundo fontes xudiciais, esta práctica dábase en entradas de partidos da selección española, tanto oficiais (europeos e mundiais) quer non oficiais. O mundo do fútbol sempre amosou a súa repulsa contra a revenda de entradas ao seren unha estafa, porén resulta verdadeiramente chocante que este punto apareza nas dilixencias policiais como un dos asuntos que están a ser investigados.   

Entre os partidos que investiga a UCO, atópanse o España-Bosnia que se realizou en maio do pasado ano e o España-Corea que se xogou en Suíza, tamén en xullo do pasado ano. Sospeitan que o presidente da Federación Española de Fútbol se lucrou a conta destes partidos ao contratar servizos que beneficiarían o seu fillo Gorka, director da Confederación Sudamericana de Fútbol desde 2014 até 2016.  

Os catro detidos na Operación Soule, o presidente da RFEF, Ángel María Villar, seu fillo Gorka, o vicepresidente económico da Federación e á súa vez presidente da Federación Tinerfeña, Juan Padrón, e o secretario da Federación tinerfeña, Ramón Hernández, pasaron a súa primeira noite nos calabozos da Garda Civil en Madrid. Entre a vindeira quinta feira e a sexta feira pasarán a disposición xudicial.  

Nin a Unidade Central Operativa da Garda Civil nin a Fiscalía Anticorrupción se atreven a dar, nestes momentos, unha cifra estimada sobre os beneficios ilícitos que terían obtido as persoas envolvidas nesta trama. 

Comentarios