O VIII Campionato Ibérico reunirá o mellor do kung fu na Eurocidade Tui-Valença

Máis de 300 deportistas teñen unha cita este domingo no pavillón Gustavo Rodríguez de Tui para competir no VIII Campionato Ibérico de Kung Fu. A competición estará baseada en aspectos técnicos, estéticos e educativos do kung fu.
Imaxe promocional do VIII Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade, co río Miño de fondo (Foto: club Di Som).
photo_camera Imaxe promocional do VIII Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade, co río Miño de fondo (Foto: club Di Som).

O pavillón Gustavo Rodríguez de Tui acollerá este domingo 26 de xuño o VIII Campionato Ibérico de Kung Fu, unha proba organizada polo Club Di Som Tui en colaboración coa Federación Galega de Kung Fu e a Eurocidade Tui-Valença. Confirmada a presenza de máis de 300 deportistas, o evento súmase ás actividades que tentan pór en valor a colaboración transfronteiriza. Neste sentido, fontes municipais agardan que  asistan como público ao redor de 1.500 persoas.

Evento consolidado

Após oito edicións, coa excepción dos anos que non se realizou pola pandemia, e evento considérase consolidado no calendario deste deporte. Unha das razóns é a que achega Carlos Alonso, presidente da Federación Galega de Kung Fu, que apunta a que este campionato aglutina o kung fu tradicional e o moderno, salientado que é “moi espectacular”. 

Alén diso, afirma que “é integrador, ao aglutinar a mulleres e homes na mesma competición”. Por este motivo procurarán chegar máis lonxe na súa difusión e contarán coa transmisión en directo vía streaming de todos os combates. 

O director do comité organizador, Eduardo Méndez Sanjurjo, lembra que o club Di Som conta cunha traxectoria de 40 anos, un tempo no que teñen desenvolvido 25 campionatos en Tui. Con respecto ao kung fu coincide en sinalar que é “unha das modalidades deportivas máis espectaculares, cun sistema de competición no que amais dos elementos de kung fu destacan os compoñentes creativos e a capacidade de potenciar habilidades e destrezas do deportivo nun marco de deportividade”. 

Un exemplo da forza que ten este deporte nese municipio son os bos resultados que obtivo en competicións oficiais Proba disto é Raúl Fernández, deportista desta arte marcial no club tudense, que é o actual campión de España após unha traxectoria que comezou cando tiña só seis anos, e que conta no seu historial con cinco campionatos galegos, tres Ibéricos e dous de Kuo Su. 

Aspectos técnicos e de educación

No Campionato Ibérico que se realizará en Tui este domingo a competición estará baseada en aspectos técnicos, estéticos e educativos do kung fu, de tal maneira que as participantes, tanto a nivel individual coma por equipos, terán que realizar tres probas: combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e patrón de movementos previamente establecido para cada categoría. Competirán nas categorías alevín, infantil, júnior, senior e veteranos. 

Comentarios