O Vigo-Rías Baixas chega á Volta a Cantabria co obxectivo da vitoria

A formación galega correrá cinco probas este mes
O uruguaio Mauricio Moreira lidera a escuadra dirixida por Marcos Serrano. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O uruguaio Mauricio Moreira lidera a escuadra dirixida por Marcos Serrano. (Foto: Nós Diario).

Apenas mes e medio despois do regreso do deporte das dúas rodas ás estradas galegas logo do parón obrigado pola pandemia da Covid-19, a normalidade parece imperar por completo no ciclismo, tal e como testemuña o ateigado calendario do Vigo-Rías Baixas, que en setembro disputará até catro probas por etapas e unha clásica da Copa de España.

O conxunto galego aspira a repetir neste mes o éxito conseguido logo da reanudación do ciclismo Elite Sub-23 a mediados de xullo, cando o uruguaio Mauricio Moreira logrou a primeira praza no prólogo da competición, unha vitoria á que pouco despois se engadiría a de Víctor Etxeberria no Campionato de Navarra.

Este intenso bloque do calendario para a estrutura presidida por José Luis Chamorro arranca hoxe coa primeira das tres xornadas que conforman a Volta a Cantabria, unha cita na que o conxunto flúor defende a súa condición de líder da clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

A rolda cántabra marca, ademais, o regreso despois de tres semanas sen competir do devandito Mauricio Moreira. O ex profesional charrúa buscará quitar o mal sabor de boca que lle deixou a súa última carreira, a Copa Valladolid–Memorial Ángel Lozano, onde sufriu un problema mecánico na aproximación á liña de meta que acabaría por custarlle o maillot de líder Elite da presente edición da Copa de España.

Moreira compartirá equipo na Volta a Cantabria con outros catro ciclistas que veñen de brillar no Campionato de España de Ciclismo en Estrada disputado o pasado día 22 de agosto na localidade andaluza de Xaén.

Víctor Etxeberria -que rozou as medallas na categoría Elite-; Iñigo González, Joan Nicolau e Asier González -que remataron entre os 20 primeiros na proba Sub-23-, así como Manuel Sampedro e Jon Tena completarán as sete prazas das que dispón Marcos Serrano.

O director deportivo do Vigo-Rías Baixas e lendario ex ciclista profesional de equipos como Kelme, ONCE, Liberty Seguros ou Karpin Galicia escolleu os seus homes tendo en conta a primacía da media montaña nunha proba que, se ben non presenta ningún final en alto, conta con varias ascensións ao longo das tres etapas.

No percorrido de hoxe serán catro os portos que os corredores terán que superar en 146 quilómetros con inicio e chegada en Maliaño. Mañá, Colindres exercerá de punto de arranque e conclusión dun trazado de 141 quilómetros. E, finalmente, a Volta resolverase o sábado nunha etapa con principio e fin en Corrales de Buelna.

Unha vez que remate a Volta Cantabria, os de Marcos Serrano buscarán novos triunfos na Volta a Palencia, na Volta á Provincia de Palencia (si, son competicións distintas) e, xa en territorio galego, na Clásica de Pascua de Padrón e na Volta á Galiza.

Éxitos galegos alén das nosas fronteiras

Noutra modalidade ciclista, concretamente Cross Country Olímpico (XCO), o galego Pablo Rodríguez, do equipo BH Templo, realizou unha fantástica actuación na Copa Checa disputada en Brno.

O de Maceda participaba nunha competición de XCO por primeira vez desde marzo e protagonizou un destacado papel rematando en cuarta posición dunha proba que representa un paso máis no seu camiño aos Xogos Olímpicos de Toquio.

Comentarios