A súa saída é case segura

A vida sen Nolito

O extremo do Celta callou unha temporada espectacular que o levou a ser seleccionado por Vicente del Bosque para a Euro 16’. Del Bosque non foi o único en fixarse no sanluqueño e os grandes equipos de Europa teñen a vista posta sobre o xogador celeste que, ademais, ten unha cláusula de 18 millóns de euros, moi asequible para o nivel que está a ofrecer.

Nolito nun partido co Celta. Foto: Liga BBVA
photo_camera Nolito nun partido co Celta. Foto: Liga BBVA

Todo apunta a que o 10 celeste abandonará o clube olívico após desta Eurocopa. Nolito non só destacou na pasada Liga BBVA, chamando a atención dos grandes clubes europeos, senón que comezou o torneo internacional como titular e callando unha grande actuación. Nolito sorprendeu a europa co seu bo xogo e calidade dentro da selección favorita a facerse co torneo. A partir de aí os rumores sobre o seu futuro comezaron a voar.

Barcelona ou Premier

O interese do Barcelona vén de largo. Dende a cidade condal, Nolito é un obxectivo para reforzar o plantel. O interese do Barça é claro, e faise obvio apuntar que os 18 millóns de cláusula son máis un aliciente que un impedimento para os azulgranas. O problema: Co mellor tridente ofensivo do mundo nas súas filas, ser titular no FC Barcelona é misión imposíbel. Isto abre as portas doutras opcións

Polo de agora só soan equipos cun estilo similar ao do Celta. O Arsenal foi a primeira grande ‘moza’ que se lle ofreceu ao extremo. O equipo de Wenger sempre combinativo e con carencias na posición preséntase un destiño factíbel. O Manchester City é o outro interesado. Coa incorporación de Pep Guardiola, que planea unha restructuración no seo citizen, ábreselle a porta ao xogador que xa estivo ás ordes do catalán en Barcelona.

Reemprazo

O Celta deberá comezar a traballar na busca dun remprazo. O recente equipo de dirección deportiva encabezado por Felipe Miñambres ten a primeira proba de fogo. As posibilidades de que Nolito se quede na entidade olívicas semellan utópicas e o seu substituto debería ser un xogador de grande talla.

Os nomes que se barallan, polo de agora para as posicións ofensivas son o de Corona e Veretout: Corona é un extremo mexicano que milita nas filas do O Porto FC e que está a despuntar tremendamente na Copa América. o interese polo xogador mostrouno o propio Carlos Mouriño, mais semella máis un desexo que un interese real. A grande Copa América que está a realizar, xunto ao feito de que O Porto é un dos equipos que máis caro venden ás súas estrelas, imposibilita o traspaso. Veretout é un medio centro ofensivo que xoga no Aston Villa e que chegou aos viláns por 10 millóns procedente do Nantes, a pasada temporada. O descenso do clube ábrelle a porta de saída ao xogador, mais o interese de Olympique de Lyon, Celtic e sobre todo, o Betis de Torrecilla, fan pensar en que o interese non é tan claro.

Como de costume o Celta mantén o secretismo nas súas xestións en materia de fichaxes e, de seguro, tanto a Copa América como a Eurocopa destaparán grandes xogadores que poidan chegar a Balaídos cun bo aval.

Comentarios