Primeira derrota do Dépor no que vai de campionato

A vida é así de dura na Segunda División

Primeira experiencia amarga do combo de Natxo González coa épica da Segunda División. Xa saben: a áspera prosa dos campos de dimensións liliputienses, o público a abouxar perto dos futebolistas, a presión en contra de 11 gladiadores aguerridos. En Alcorcón o Dépor sofreu a primeira derrota do curso. Así é esta categoría: non ten en conta nin os galóns nin o pedigrí.

depor
photo_camera O ex deportivista Laure ante varios xogadores da equipa coruñesa

Se ollamos a táboa de topes salariais [o índice de riqueza dos clubes], vemos que o Dépor é o terceiro da categoría, con 18,51 millóns de euros para gastar. O Alcorcón viaxa no furgón de cola, na praza 18, con apenas 5,11 millóns de euros de peculio para todo o plantel. Pois ben, a equipa de 5 millóns derrotou sen excesivos problemas o combo dos 18. Isto acontece con moita máis frecuencia na Segunda División do que na Primeira. Vaian afacéndose.

O partido foi o partido do Alcorcón. Non houbo máis. Non houbo centro de campo, nin transicións entre liñas, nin desmarques de ruptura, nin pases de gol. Houbo desprazamentos longos da bola cara á barricada contraria. Se xogas cos códigos do rival o lóxico é que perdas. Foi o que lle aconteceu ao Dépor. Se na pasada xornada o Sporting liscou da Coruña sen tirar a porta, nesta o Dépor só disparou dúas veces á portería local. Con esa bagaxe o normal é que voltes a casa sen nada no peto.

En descargo do Dépor pódese argumentar que no campo do Alcorcón até o Barça de Guardiola —a escadra que resgatou o passing game do lendario treinador do Liverpool Bob Paisley— tería tido problemas para daren máis de tres pases seguidos. Certo, mais o Alcorcón non xogou co factor sorpresa. Perfeitamente sabía o Dépor ao que se expuña a visitar o seu campo. E non pareceu que Natxo González levase nada especialmente preparado para o evento.

Apenas propuxo nada o Dépor e así morreu o conto do partido. Só Carles Gil tentou algo distinto; entalado no bosque de pernas rivais, aínda foi quen de filtrar algún pase con aspecto de asistencia de gol. Mais non houbo maneira: o Alcorcón furou a portería de Dani Giménez no minuto 43 e o resto foi pura impotencia branquiazul.

AD Alcorcón: Dani Jiménez, Laure, Burgos, David Fernández, Bellvís, Sangalli, Toribio, Dorca, Nono, Jonathan Pereira (Héctor Rodas, min. 82) e Juan Muñoz (Víctor Casadesús, min. 75).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Didier Moreno, Álex Bergantiños (Carles Gil, min. 68), Vicente Gómez, Pedro (Krohn-Dehli, min. 57), Fede Cartabia (Christian Santos, min. 75) e Carlos Fernández.

Gol: 1-0 Nono (min. 43).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Expulsou Krohn-Dehli (min. 90+2). Cartóns amarelos a Burgos (min. 15), Juan Muñoz (min. 20), Pedro (min. 20), Nono (min. 32), David Simón (min. 33), Toribio (min. 55), Didier Moreno (min. 64), Bellvís (min. 86), Krohn-Dehli (min. 86) e Héctor Rodas (min. 90+1).

Incidencias: partido correspondente á quinta xornada de LaLiga 1|2|3 no campo de Santo Domingo ante 3.252 espectadores.

Comentarios