Vicky Piñeiro: "O Remo en Euskadi move moitísimo, mais ningunha muller pode vivir del"

A situación sanitaria obriga a poboación a realizar sacrificios individuais e colectivos en prol dun obxectivo común, algo que non é novo para Vicky Piñeiro (Cangas, 1983), unha remeira galega que triunfa en Orio e que durante catro anos conducíu 1.300 quilómetros cada fin de semana rumbo Galiza para practicar o deporte dos seus amores.
A deportista galega acumula un envexábel palmarés. (Foto: Eusko Label).
photo_camera A deportista galega acumula un envexábel palmarés. (Foto: Eusko Label).

Como se introduce no mundo das traíñas?

Xa desde pequena, con sete anos, comecei a facer piragüismo. O típico de comezar a facer algo de deporte, cos amigos... e así estiven até os 18, que cambiei ao remo. 

Como foi esa etapa primaria no piragüismo?

Moi importante para min, porque cheguei a estar cinco anos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra. A nivel persoal, de convivencia e de exixencia deportiva, para min foron anos bonitos, pero tamén duros, pois tiven que marchar da casa con 12 anos e nas fins de semana saíamos fóra ás competicións, polo que foi un pouco un cambio importante e grande na miña vida, que resulta moi complicado cando perdes a motivación, e por iso tes que buscar outras alternativas. O que me pasou foi, digamos, non inxusto, mais vía que daba voltas e voltas e non atopaba máis que dificultades de todo tipo, polo cal decidinme a buscar un cambio que nese momento me motivase, e atopeino no remo, porque sempre me gustaron o mar e a natureza.

Con 18 anos toma o rumbo dun deporte como é o remo que pode parecer similar para os ollos profanos, pero que garda diferenzas considerábeis co piragüismo.

Si e non. Cambia sobre todo no que representa o paso dun deporte individual a un colectivo, pero o deporte a alto nivel é igual de sacrificado... e cada vez máis, porque agora hai que facer malabarismos para ser quen de compatibilizalo co traballo e coa túa vida cotiá.

Obviamente, e a pesar de que é vostede unha auténtica profesional no sentido de manter un nivel de forma física, de coidarse, ou de adestrar regularmente para prosperar no seu deporte, non o é na acepción de “vivir” desa actividade, estou no certo?

Mulleres somos cero as que vivimos disto, nada de nada. Homes, algúns. Máis dun, de feito, a pesar de que baixou todo moito a causa da pandemia da Covid-19, sería inxusto non dicir que nos últimos anos evolucionamos moito, especialmente aquí en Euskadi, pero no sentido de avanzar no eido de chegar a vivir disto, para nada, vexo moi estancada a cousa, a pesar da grande importancia que lle dan ao remo feminino por estas terras.

Transmite vostede a impresión de que o seu é un deporte moi importante por eses lares, con moito arraigo...

Si. Aquí vívese desde que unha é moi pequena. Ao final, é outro ambiente, a xente móvese no mundo do remo... e o que se forma nas regatas da Concha é algo alucinante, outro universo.

Disque case unha cultura.

Si, é unha cultura. Tes que velo para crelo. Os meus pais viñeron un ano hai tempo e alucinaron. Daquela aínda remaba para un equipo galego, pois eu comecei remando en Mecos e logo marchei para Cantabria, a vivir alí e a remar en Astillero, trasladándome despois a Biscaia, preto de Bilbao. Non obstante, volvín remar na Galiza, polo que as sextas feiras collía o coche e conducía até a casa para adestrar e volvía os domingos. E así durante catro anos. Durante aquela época remei en Meira un par de anos, mais logo a traíña foi a de Rías Baixas, onde remei tres anos.

Ten que gustarlle moito algo para facer sacrificios tan enormes. Que representa para vostede un deporte que a leva a meterse 1.300 quilómetros de coche cada 15 días chova ou faga sol? 

Eu penso que o deporte dá moito. Permíteche gozar de algo que che gusta, coñecer xente, lugares, outras rutinas, outras cousas... Certo é, tamén, que o deporte sácache moito de cousas que non podes facer, mesmo a unha persoa coma min, que lle gusta moito coidarse e que prefire aproveitar as fins de semana para ir pasear ao monte que saír de festa, pero compensa. 

Cando dá o salto definitivo a un equipo de Euskadi? 

En 2015, con Zumaia, e foi unha gran decisión, porque tiven a oportunidade de gañar moitas cousas e vivir experiencias como a da Regada da Concha, que é unha auténtica pasada. As regatas galegas teñen a súa pequena afección, pero aquí coñéceche todo o mundo, e agora coa liga que temos, a Eusko Label, que é televisada e todo, vívese moitísimo máis. Despois de Zumaia estiven un ano parada e logo remei en San Juan antes de dar o salto definitivo a Orio, onde estou agora, e cando gañamos en 2019 os meus pais alucinaron co que é isto, estaban até emocionados. Non é o mesmo que velo pola tele que ao vivo... literalmente, é unha cousa que hai que vela para crela. 

Comentarios