O Viaxes Amarelle prosegue a loita por eludir o descenso

Visita Zaragoza FSF nun partido aprazado
O Amarelle xoga mañá en Marín. (Foto: Viaxes Amarelle FSF).
photo_camera O Amarelle disputa un partido a vida ou morte. (Foto: Viaxes Amarelle FSF).

O Viaxes Amarelle afronta mañá ás 20 horas no Polideportivo Municipal Río Ebro ante o AD Sala Zaragoza FSF un compromiso que pode ser vital na súa loita por eludir o descenso á categoría de prata do fútbol sala estatal.

As xogadoras dirixidas por Jorge Basanta afrontan este encontro coa moral en máximos, tras a vitoria da pasada fin de semana na casa fronte a Universidade de Alacante, e sendo conscientes de que un empate neste partido da sétima xornada de campionato -adiado no seu momento a causa dos casos positivos en Covid-19 detectados no conxunto aragonés- sería abondo para eludir o descenso directo.

O seu rival é un equipo moi forte, deseñado a principios de tempada para loitar por estar no grupo do play-off polo título, obxectivo que non conseguiu, pero que lle valeu para sumar 58 goles a favor e encaixar unicamente 32 tantos en contra nos 22 encontros que leva disputados, nos que obtivo 10 vitorias, dous empates e 10 derrotas, que se traduciron en 32 puntos e un coeficiente de 1,454. 

Iso significa que as mañas están matematicamente salvadas, polo que o seu único incentivo neste partido será apurar as súas últimas opcións a finalizar na segunda posición do grupo, así como facer esquecer a mala imaxe deixada no seu último encontro, ante Gran Canaria FSF Teldeportivo, no que perderon por tres a cero.

Un partido para sufrir

O equipo herculino, baixo a dirección de Jorge Basanta, afronta este partido chave para eludir o descenso directo e poder seguir metido na loita pola permanencia sabendo que tocará sufrir sobre a cancha, debido ás importantes baixas de Cris Lourés e Candela Soria.

Ambas padecen senllas escordaduras de nocello que xa lles impediron participar na última xornada ligueira, a pesar do cal as súas compañeiras foron quen de superar ás líderes do grupo.

Estas únense á xa habitual baixa de Martita, que continúa coa súa recuperación logo de ser operada do ligamento cruzado anterior, polo que a convocatoria feita pública por Jorge Basanta está conformada polas porteiras Leti Rojo, Sandra Rodríguez e Tami Gándara, así como polas xogadoras María Gómez, Patri Corral, Patri Romaní, Yaiza, Sofía, Anna Escribano, Lau Doce e Tana Florentín.

Comentarios