O Viaxes Amarelle denuncia que o Concello de Marín lle impide o uso das duchas do pavillón da Raña

O conxunto herculino di que Marín prohibiu rotundamente que as súas xogadoras poidan lavarse despois do partido de Copa da Raíña que disputarán o sábado no Pavillón da Raña contra o Ence Marín Futsal.
O Amarelle xoga mañá en Marín. (Foto: Viaxes Amarelle FSF).
photo_camera O Amarelle xoga mañá en Marín. (Foto: Viaxes Amarelle FSF).

O Viaxes Amarelle da Coruña, un dos representantes galegos da Primeira División feminina de fútbol sala, está a padecer numerosas incomodidades e contratempos a causa da Covid-19, pero non máis que o resto de agrupacións deportivas do país. Até o de agora.

Porque segundo denuncia o conxunto herculino, enfróntanse a unha situación "inaudita", pois o Concello de Marín prohibiu rotundamente que as xogadoras do Viaxes Amarelle FSF poidan ducharse despois do partido de Copa da Raíña que disputarán mañá sábado no Pavillón da Raña contra o Ence Marín Futsal.

"Atoparse coa negativa en rotundo dun Concello -que dirixe María Ramallo, do Partido Popular- a que un equipo que se despraza máis de 140 quilómetros en dúas horas de autobús se poida duchar nas instalacións ás que se despraza non é o que esperas en tempos de suposta solidariedade e respecto aos cidadáns do noso país", critican fontes do conxunto laranxa.

Foi o clube local o que comunicou ao coruñés que o Concello lles informara de que non permitían que se duchasen despois de disputar o encontro.

Ante esta comunicación, o Amarelle tomou a decisión de contactar co Concello de Marín "para alcanzar un compromiso que non comprometese a integridade sanitaria das xogadoras do Viaxes Amarelle".

Porén, "mantivéronse na negativa, sinalando que non dispón de recursos económicos para poder asumir a desinfección das instalacións, o que nos leva a pensar que non temos garantías de que a nosa entidade vaia xogar nunha instalación desinfectada".

Dada a postura do Concello de Marín, desde a escuadra herculina puxeron a situación en coñecemento tanto da Federación Galega de Fútbol como da Secretaría Xeral para o Deporte.  

Comentarios