O Viaxes Amarelle debuta na Primeira División contra o AE Penya Esplugues

As galegas estréanse na máxima categoría na casa e ante 40 persoas
As de Jorge Basanta aspiran a estrearse con vitoria na Coruña. (Foto: VIaxes Amarelle).
photo_camera As de Jorge Basanta aspiran a estrearse con vitoria na Coruña. (Foto: VIaxes Amarelle).

O Viaxes Amarelle -por fin- poderá estrearse na Primeira División do fútbol sala feminino, logo do aprazamento da primeira xornada. Así, as xogadoras de Jorge Basanta arrancarán o campionato esta sexta feira, 23 de outubro, ás 17 horas no Pavillón Municipal da Sagrada Familia (A Coruña) ante o AE  Penya Esplugues.

O rival das herculinas para esta fin de semana é un equipo asentado na categoría e que nas últimas campañas sempre estivo na zona media da táboa, destacando especialmente desde a súa fusión na 2016/17 co Gironella. De feito, na presente tempada iniciou a competición recibindo a visita dun Cidade dás Burgas ao que se impuxo por 6-1, o que lle serviu para liderar o Subgrupo A da Primeira División de fútbol sala.

Conscientes do desafío, as xogadoras do Viaxes Amarelle traballan desde hai máis de mes e medio para estar á altura nesta nova aventura na máxima categoría, e tras o bo sabor de boca conseguido nos últimos amigábeis contra rivais que aspiran á zona nobre, agardan poder disputar un partido igualado e conseguir os primeiros puntos dunha tempada atípica e onde cada partido que se dispute é como unha final, dada a incerteza de cantos encontros poidan disputarse na presente tempada polas interrupcións que provoquen os casos de positivos nas diferentes escuadras.

Para este primeiro encontro oficial da nova tempada, as coruñesas contarán no Pavillón Municipal da Sagrada Familia co apoio de 40 persoas, o número máximo autorizado logo das novas restricións impostas pola Xunta da Galiza. Debido a iso, para este primeiro encontro de competición oficial non puido abrirse o acceso para todas as socias do clube.

Por iso, e coa intención de paliar na medida do posíbel as limitacións de todas as socias e afeccionadas ao fútbol sala que tiñan a intención de gozar con este debut na Primeira División, o conxunto herculino ten previsto retransmitir o encontro por streaming a través da súa canle de Youtube

Problemas tamén para O Parrulo Ferrol

As restrición á presenza de público nas bancadas tamén afectará esta fin de semana ao Parrulo Ferrol, que compite na Primeira División de fútbol sala masculino.

Porén, a directiva irá máis lonxe que o Viaxes Amarelle e, "ante o incremento do nivel da alerta sanitaria", tomou a decisión de que o partido que os enfrontará esta sexta feira contra o poderoso El Pozo Murcia será a porta fechada.

Comentarios