Verónica Boquete: "O fútbol feminino vai con anos de atraso no Estado español"

Considerada como a futbolista galega máis importante da historia, o xornalista deportivo máis tópico tamén definiría Verónica Boquete (Compostela, 1987), ou tan só ‘Vero’, como figura nas costas das súas camisolas, como unha “trotamundos do fútbol”. Após xogar en 14 clubs distintos de Europa, Asia e América, volve á casa para repoñer forzas até o comezo da vindeira tempada da liga americana. Reunidos nun café do seu barrio, San Lázaro, introducimos a entrevista, como non podía ser doutro modo, falando do tempo. Vero aguanta con estoicismo tanto o frío das montañas de Salt Lake City (Utah, EUA) como a choiva da súa cidade natal, pero non lle importa mollarse en temas como o seu futuro ou a folga na Liga de fútbol.   Eis un estrato da entrevista publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto-veroBoquete

As xogadoras están pelexando por un convenio que lles garanta unhas condicións vitais mínimas. Como ve o conflito entre patronal e xogadoras?

O do convenio é unha necesidade desde hai moitos anos, pero nunca sentiramos que estabamos en posición de poder conseguilo. Iso cambiou. O que piden as xogadoras é algo totalmente xusto, e estou convencida de que están a facer o correcto loitando.

Os clubs din que a súa aplicación nos termos esixidos polas xogadoras resulta inviábel...

Se os clubs cren que non poden cumprilo é honesto que o digan, pero resulta confuso que a contraparte diga que si que é viábel. Logo, alguén está mentindo ou non ve a realidade.

Que vai pasar agora?

Penso que se vai solucionar antes do día 16 de novembro (data de inicio da folga), chegando a un entendemento por mediación do Consello Superior de Deportes, a Federación ou a Liga, pero se logo de 18 reunións non foi posíbel chegar a un acordo, é normal que as xogadoras vaian á folga, teñen que loitar polo seu. Non vexo unha saída fácil.

Se fose futbolista en activo da Liga, vostede faría folga?

A miña postura sería ir ás reunións e intentar solucionar isto. Moitas veces hai terceiras partes que son as que exercen a forza, e neste caso hai unha guerra entre Federación e Liga, e logo a Asociación de Futbolistas, e as xogadoras sempre están no medio. Loitan por algo totalmente xusto, pero que ten moitos matices... é difícil.

As orixes do conflito poden estar na redución paulatina na fenda dos estadios de profesionalización entre o fútbol no estado español e o europeo e americano?

En España vaise con anos de retraso respecto a Europa e os EUA, pero a evolución está a ser moi notoria. O problema é como de rápido se pode facer. Estes conflitos xa pasaron neses países, e son algo normal para que o fútbol feminino avance. E quen non poida cumprir iso non estará na Primeira, pero iso acabará por ser bo para as xogadoras.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] 

Comentarios