domingo 17/01/21

Vero Boquete: "Se o Dépor logra salvarse, quizais no futuro se crucen os nosos camiños"

Hai hoxe un ano saía do prelo o primeiro número de 'Nós Diario', no que entrevistamos Rubén Blanco, porteiro do Celta de Vigo. 365 días despois visibilizamos a nosa aposta por un xornalismo deportivo a contracorrente conversando con Vero Boquete, quen vén de ser distinguida pola FIFA como unha das tres mellores do mundo no seu posto.
A medio galega foi escollida polas profesionais do fútbol como unha das tres mellores centrocampistas do planeta (Foto: Nós Diario).
A medio galega foi escollida polas profesionais do fútbol como unha das tres mellores centrocampistas do planeta (Foto: Nós Diario).

Que balance, persoal e profesional, fai Vero Boquete dun ano tan particular como foi este 2020 que acaba de chegar á súa fin?

A verdade é que foi un ano de cambio, de cousas sobre todo inesperadas, porque todo o tema da Covid-19 trastornou as nosas vidas e tamén a tempada futbolística, claro. Nos Estados Unidos estaba no comezo, en Europa na metade... pero eu prefiro quedarme con que fomos capaces de conseguir volver competir a pesar de todo. E no meu caso individual, pois estou moi contenta polo meu rendemento na Challenge Cup nos Estados Unidos, primeiro, e agora con este remate de campaña no Milán.

Polo de agora está tendo un moi bo rendemento en Italia, tanto individual como colectivamente, pois desde a súa chegada a principios de novembro as 'rossoneri' contan os seus partidos por vitorias. Satisfeita, polo de agora, coa experiencia nun país novo para vostede como é Italia?

Estou moi a gusto, e a adaptación foi moi rápida, porque realmente non tiñamos moito tempo para adaptarnos (ri). Rematou a tempada nos Estados Unidos e fun directamente a Italia, e xa a xogar, pois o equipo estaba en competición e nestes partidos que puiden participar quedou claro que aínda hai cousas pendentes nas que mellorar, como familiarizarse máis co estilo de xogo e coñecer mellor as compañeiras, pero polo de agora estou moi contenta con esta nova experiencia e agardo que en 2021 sexamos quen de conseguir algúns dos obxectivos.

Cando finalice a súa vinculación co AC Milán, a finais desta campaña, terá que regresar aos Estados Unidos?

O meu contrato con Utah rematou en outubro, co cal cheguei libre a Italia, sen nada que me obrigue a volver. Si que había por parte do clube unha intención de renovar e o desexo de que volvese cando remate a campaña en Italia, e aínda agora, que cambiou de cidade e está en Kansas City, insisten nesa posibilidade, mais o certo é que a día de hoxe só estou centrada en rematar a tempada co Milán. Veremos despois que pasa a partir de xuño.

Por sorte ou por desgraza os anos pasan para todo o mundo, tamén para vostede. A pesar de que continúa a un gran nivel, aos seus 33 anos parece cada vez máis afastada a posibilidade dun regreso á Liga Iberdrola. Pasou definitivamente xa ese tren para Vero Boquete?

Non, teño tempo abondo para volver e xogar aquí, igual que en calquera outro lugar. Levo moitos anos dicindo que me encantaría regresar para disputar aquí os meus últimos anos, o que pasa é que até o de agora as opcións que tiven fóra sempre foron mellores para min, por uns ou por outros motivos. Ademais, a día de hoxe estou no AC Milán, que é un dos clubes máis grandes a nivel histórico... así que veremos se na próxima tempada sigo alí, volvo á Liga Iberdrola ou probo noutro lugar.

No caso de decidir regresar á Liga Iberdrola a afección galega ten un soño de vello, que é vela xogar no Deportivo Abanca, o único conxunto do país na máxima categoría. Non obstante, o seu status actual de estrela mundial, como certifica o premio ‘The Best’ que recentemente vén de recibir e que a recoñeceu como unha das tres mellores centrocampistas do planeta, xunto cos malos resultados do Dépor -que poderían levalo a descender-, dificultan aínda máis que ese anhelo se faga realidade?

Iso nunca se sabe (ri). Certo é que o Dépor si que empezou a campaña un pouquiño frouxo, pero creo que está levantando cabeza nos últimos partidos e ten por diante unha liga moi longa, así que é pronto para enterralo. Agardo que se salve e, a partir de aí, veremos se nun futuro hai opción de volver pretiño da casa e de que se crucen os nosos camiños.

Volvendo ao tema do premio 'The Best', como recibiu a designación como unha das mellores xogadoras do ano 2020?

Foi toda unha sorpresa. Sabía do nomeamento entre as 55 finalistas, pero cando recibín a chamada da xente de FIFA a verdade é que foi toda unha sorpresa que recibín con moita satisfacción, principalmente porque as votacións están feitas por xogadoras de todo o mundo, o que implica un gran respecto e cariño para min. Non obstante si que creo que neste 2020 non merecín estar nese once, mais logo de ver tantas mensaxes de tantas futbolistas entendín que ao mellor non estou aí só por este ano, senón máis ben por un recoñecemento a como me ven como xogadora e ao impacto que teño cara ao noso deporte.

comentarios