A vela volve sucar as augas das Rías Altas

O histórico certame chega hoxe á súa edición número 49.
A primeira manga unirá A Coruña con Malpica, para atravesar durante catro xornadas Ferrol e Cedeira até chegar de novo até A Coruña. (Foto: RCN A Coruña).
photo_camera A primeira manga unirá A Coruña con Malpica, para atravesar durante catro xornadas Ferrol e Cedeira até chegar de novo até A Coruña. (Foto: RCN A Coruña).

A Coruña, Malpica, Ferrol e Cedeira serán as protagonistas da Regata Rías Altas a un ano vista da celebración do seu 50 aniversario. 

Desde 1974 o Real Club Náutico da Coruña organiza un trofeo moi especial que ten como obxectivo "recoñecer o bo facer mariñeiro dos e das participantes, ademais da súa habilidade técnica". Neste ano 2022 terá, a maiores, a condición de proba puntuábel para o Campionato de España de Cruceiros de Altura por superar no seu percorrido as 80 millas náuticas.

Este vén de ser presentado polo comodoro da entidade organizadora, Jorge Echeverría, que estivo acompañado no acto por Chuco Pérez-Lafuente, director responsábel da mesma.

A regata dispútase, tradicionalmente, entre Punta Carreiro -no límite coas Rías Baixas- até a Ría de Ribadeo, un espazo imposíbel de abarcar nunha mesma edición. Na que arranca hoxe optouse por distribuír o mesmo en catro etapas, sendo a primeira a que arranca hoxe ás 12 horas no interior da baía herculina e que concluirá en Malpica.  

A segunda manga será mañá entre Malpica e Ferrol, desde onde as embarcacións continuarán o sábado até Cedeira. Finalmente, o domingo, día 31 de xullo, terá lugar a última xornada entre Cedeira e A Coruña, onde á finalización da mesma terá lugar  a cerimonia de entrega de premios na sede do Náutico coruñés.

15 candidatos á Torre de Hércules de prata

Unha quincena de barcos enfróntanse a esta sempre dura regata, que esixe o mellor dos desempeños tanto de patróns como de tripulantes se queren facerse cos distintos premios para os tres primeiros clasificados en cada clase, sendo o máis cobizado a Torre de Hércules de prata que levará o gañador absoluto.

O favoritismo recae no Mirfak (Armada Española), con Diego López de patrón; o Eleko-Mambo, de Carlos Sampedro (Náutico de Cabanas); o Urbapaz, de Fran Edreira, do mesmo club; o Golfiño, de Pepe Naya (Ría de Ares); e A María, de Carolina Martínez. Tamén brilla a presenza na Regata Rías Altas do barco Bon III, de Víctor Carrión (Punta Lagoa), que dentro dunha semana fará a Regata Finisterre entre A Coruña e Vigo.

Zampacavallo, líder provisional do Campionato do Mundo de Vaurien en Vigo

Os e as participantes no LX Campionato de Mundo de Vaurien, que está desenvolvéndose desde comezos de semana en Vigo, tiveron onte unha merecidísima xornada de descanso tras sucar as augas durante practicamente 14 horas en tan só dous días.

A clasificación xeral do torneo, que conmemora o 60 aniversario do primeiro Vaurien que navegou pola Bretaña francesa, está comandada por Francesco Zampacavallo e Carlos Francés (RCN València), con 11 puntos netos (2-5-2-1-1-[8]); seguido polo SR360 Racing de Tone Pérez e Laura Llópiz (RCN Vigo), con 21 puntos (1-1-11-[UFD, 86], 7, 1); mentres que o terceiro caixón do podio sería para Pablo Cabello e David Fernández, tamén do Náutico de Vigo (5-4-[8]-3-5-6), con 23 puntos. 

Esta vén condicionada polo conflito xurdido na cuarta manga, cando un pequeno grupo de barcos reparou en que aínda faltaba un tramo por percorrer, iniciándose unha cadea de penalizacións e reclamacións que levou a que algunhas tripulacións, molestas, non competiran na quinta e na sexta manga.

Comentarios