Valiño e Blanco dominan con autoridade no ciclismo contra o reloxo galego

O ciclismo galego está de noraboa. O recente campionato contra o reloxo individual (CRI) de Baños de Molgas, que contou con 300 participantes, constatou a boa forma de Samuel Blanco, actual líder estatal de fondo, e a volta aos circuítos de Aída Valiño logo dun tempo fóra da competición oficial.
Gañadoras, gañadores, paraciclistas e organización do campionato galego de ciclismo contra reloxo (Federación Galega de Atletismo)
photo_camera Gañadoras, gañadores, paraciclistas e organización do campionato galego de ciclismo contra reloxo (Federación Galega de Atletismo)

O Campionato da Galiza de ciclismo contra o reloxo individual (CRI) salvou as circunstancias da emerxencia sanitaria pola Covid-19 en Baños de Molgas e constatou a boa forma do dominio marcado por Aída Valiño e Samuel Blanco. Estes deportistas de elite marcaron os mellores rexistros nas súas categorías nos 13 quilómetros de percorrido e, xunto a catorce ciclistas de entre 300 participantes, fixéronse cos títulos galegos na competición organizada nesta ocasión polo Club Ciclista ADO Moure

O mellor tempo da xornada foi para Blanco, actual campión estatal de fondo en estrada, que defendía a coroa elite, cun crono de 17 minutos e 10 segundos superando por 1:08 a Aser Estévez (Oiense) e por 1:13, a Roberto Mediero (Máster da Louriña).

O segundo mellor rexistro entre os homes estabeleceuno Adrián Barros (Supermercados Froiz). O ciclista vigués logrou o ouro sub23 cun tempo de 17:49 e o seu equipo copou o podio con Aarón Mariño ocupando a segunda praza e Abel Franco selando o triplete da formación alimenticia. Entre as mulleres 

Aída Valiño demostrou estar en moi boa forma e non deu opción ao resto de corredoras. A lucense afincada en Tui do Máster da Louriña venceu cun tempo de 19:36, quitándolle a coroa elite por 1:33 de diferenza a María Jesús Barros (Spol). Barca Toba (Farto-Aguas do Paraño) rematou terceira na categoría raíña feminina. Para Valiño era unha volta a competir en ciclismo.

"Estou moi contenta, atopeime moi forte e satisfeita de facer outra vez contra o reloxo", explica a Nós Diario, "é unha disciplina que sempre se me deu bastante ben, gañando os campionatos galegos", engade. Recoñece que este ano "non sabía como sería" mesmo antes de que chegase a pandemia da Covid-19. Agora agarda seguir co triatlón e estará presente no de media distancia de Sevilla a finais deste mes.

O título sub23 esta edición foi para a gran favorita Carla Fernández (Río Miera). A viguesa tivo como principal adversaria Zaida González (O Rosal), mentres que na pugna polo bronce impúxose ao remate da proba Paula Faraldo (Vigués)

Categorías máis igualadas

Entre as categorías máis igualadas deste campionato galego estivo a júnior masculina. Nela, Gianni Iannelli (Il Piccolo) conseguiu rebaixar en 6 segundos o crono de Martín Rey (Aluminios Cortizo) e en 9 o de Raúl Casalderrey (Farto-Aguas do Paraño). Polo seu lado, Sabela Rey (Farto-Aguas do Paraño) triunfou con autoridade nas juniors por diante da súa compañeira de equipo Claudia García e de Laura Teniente (Aluminios Cortizo). 

En cadetes dominou Iago Carou (O Barbanza), que estivo acompañado no podio por Iván Fernández (Bici Verde) e Roberto Pereira (Avanza-O Porriño), segundo e terceiro respectivamente. A proba feminina cadete resolveuse coa vitoria de Sonia Domínguez e o segundo posto, para Sofía Álvarez. Laura Mira (Il Piccolo) concluíu terceira. 

Categoría veteranas

Nas categorías máis veteranas triunfou o club anfitrión do ADO Moure. En máster-50 levouno Alfonso Fernández, con José María Tajes (Quintena) na segunda praza e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) terceiro, e nos máster-60 Ernesto Suárez superou Manuel Prieto (Norinver) e Julio Fernández (Bicis Oliveira). Nos máster-30 Samuel García (Norinver) foi primeiro, con Iago Alonso como segundo clasificado e con Daniel Guerreiro terceiro no podio. En canto aos máster-40, Faustino Puga (Bicis Oliveira) adxudicouse o primeiro posto mellorando os rexistros de Iván Vidal (Máster da Louriña) e de Marcos Mayo (BTT O Treito)

Os cambios con respecto a 2019 viñeron pola banda das categorías femininas de masters que se realizaron no circuíto. Liza Caballero (Team Cabañas) gañou nas máster-40, con Montserrat Martínez (Oiense) como segunda e Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), en terceiro lugar. A carreira de máster-40 rematou co triunfo de Natalia Raña (Corbelo), con Cristina Molina (Vigués) segunda e Mónica Alarcón (Máster da Louriña) en terceiro lugar. 

En Baños de Molgas tamén estiveron deportistas do paraciclismo como Iván Montero e Mila López que aproveitaron esta proba para preparar en condicións o Campionato estatal de Ciclismo Adaptado.

Comentarios