O Valencia ficha o ex dianteiro do Celta Santi Mina

Santi Mina, ex dianteiro do Celta formado na canteira celeste, vestirá a camisola do Valencia despois de que ambos os clubs acordaran a venda do dianteiro galego de 19 anos.

[Imaxe: Celta de Vigo]
photo_camera [Imaxe: Celta de Vigo]

O futbolista galego Santi Mina, un dos xogadores de maior proxección do Celta, vestirá a próxima temporada a elástica do Valencia, despois de que ambos clubs acordaran a venda do dianteiro, de 19 anos, por 10 millóns de euros, cantidade fixada na cláusula de rescisión.


O xogador saído da canteira do Celta debutou en Primeira División con tan só 17 anos en febreiro de 2013 no partido contra o Getafe e durante a temporada 2014-2015 marcou un total de sete goles na Liga BBVA e 2 goles na Copa do Rei. Fica para a lembranza o pokér de goles -catro goles nun mesmo partido- que asinou na pasada temporada ante o Rayo Vallecano nun partido memorábel en Balaídos.


Nun comunicado de prensa, o Celta agradécelle a Santi Mina o seu rendemento nos anos en que defendeu a camisola celeste “con entrega e sacrificio, desde as categorías inferiores até o primeiro equipo” e deséxalle o maior dos éxitos na súa nova etapa.


“Estou coma nun soño, chegar a un gran club como o Valencia tan novo non é fácil, sei a responsabilidade que teño”, sinalou o ex xogador celeste á chegada á súa nova cidade. O dianteiro, tal e como recolle unha nota de prensa do seu novo club, tamén tivo palabras de agradecemento ao Celta, “deixo un club que mo deu todo” e lembrou “a afección celtista que me fixo sentir moi feliz”.


Pola outra banda, o Celta anunciou hoxe que vén de adquirir o 35% dos dereitos federativos de Nolito, uns dereitos que até o de agora non lle pertencían. Deste xeito, o club vigués salienta que o dianteiro andaluz pasa a ser propiedade do Celta a todos os efectos.

Comentarios