O EQUIPO LOCAL CARECEU DE PEGADA

O Valencia castiga o Celta en Balaídos (1-5)

O Celta sufriu unha dura derrota en Balaídos ante o Valencia. O marcador, 1-5, non foi xusto co fútbol que practicou o equipo local na primeira metade.

Orellana nun partido
photo_camera Orellana nun partido

O Valencia chegou a Vigo coa táctica clara de defensa e contragolpe. Funcionoulle. Aos 12 minutos, Alcácer, ao que non puido parar Fontás, marcaba o 0-1 cun remate cruzado que daba paso, malia o marcador en contra, a un dominio claro do Celta. Os de Berizzo, sobre todo en xogadas das que foi protagonista Orellana, acumulou chegadas e oportunidades até que conseguiron o gol. Augusto metía o balón na rede coa cabeza tras un saque de esquina no minuto 23.

Aos 26 minutos chegou a xogada máis polémica do partido. Pablo Hernández foi derrubado na frontal e Wass, ao que lle caera o esférico, anotou. Porén, o árbitro non aplicou a vantaxe e pitou falta antes de que Wass introducira o balón na rede. O Celta trataba de poñerse por diante do marcador, mais careceu de pegada.

Cando o partido se achegaba ao descanso e malia que ao Valencia lle custaba achegarse á área do Celta, Parejo marcou un golazo tras unha falta na frontal. Ao minuto, un erro na cesión a Sergio rematou en gol de Alcácer, que marcaba a pracer o 1-3 co que remataba a primeira parte.

No segundo tempo, o Celta seguiu xerando ocasións nun partido que se lle puña de costas. Non había fortuna para os de Vigo. O cuarto gol do Valencia chegou na primeira ocasión da que dispuxo o equipo visitante na segunda metade. Máis unha vez anotou Parejo. O quinto gol foi obra de Mustafi á saída dun córner.

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás, Jonny, Augusto, Wass (Radoja, min.66), Pablo Hernández, Orellana (Drazic, min.82), Nolito e Iago Aspas (Guidetti, min.73)

Valencia CF: Doménech, Barragán, Mustafi, Rubén Vezo, Gayá, Andre Gomes, Parejo (Danilo, min.80), Javi Fuego, Cancelo, Bakkali (Santi Mina, min.51) e Alcácer (Piatti, min.67)

Goles: 0-1, min.12: Alcácer; 1-1, min.23: Augusto; 1-2, min.45; Parejo; 1-3, min. 46: Alcácer; 1-4, min.63: Parejo; 1-5, min.78: Mustafi.

Árbitro: Vicandi Garrido, do comité vasco. Amoestou Javi Fuego, Gayá, Mustafi, Augusto.

Comentarios