Uns oitavos de final que saben a gloria

Gales-Dinamarca e Italia-Austria abren o sábado a segunda fase da Euro
As seleccións inglesa e alemana reeditarán en Londres, 45 anos despois,  a final da Copa do Mundo de 1966. (Foto: Fifa).
photo_camera As seleccións inglesa e alemana reeditarán en Londres, 45 anos despois, a final da Copa do Mundo de 1966. (Foto: Fifa).

Finalizada a primeira fase da Eurocopa cunha intensa xornada na que Hungría a piques estivo de dar a sorpresa no grupo da morte, o balón bota a rodar de novo este sábado co Gales-Dinamarca e o Italia-Austria, os dous primeiros partidos duns oitavos de final que depararon máis dun enfrontamento digno de ser cualificado de final anticipada.

O máis destacado é o Alemaña-Inglaterra. A pesar de salvarse "pola campá", como se adoita dicir, o combinado teutón sempre debe ser respectado nos momentos chave, o que unido ao bo momento no que está instalada a selección inglesa promete traducirse nun espectáculo á altura dos padais futbolísticos máis esixentes.

Fóra do prato forte, os oitavos da Euro ofrecen dúas sobremesas dignas de Estrela Michelin: Bélxica-Portugal e Croacia-España. Se ben tan só os De Bruyne, Lukaku e compañía foron quen de facerse cos nove puntos da fase de grupos, farían mal en confiarse ante unha Portugal que aínda que está a demostrar unha gran irregularidade, non por nada é a vixente campioa do torneo e conta cun home, Cristiano Ronaldo, que cos seus dous tantos ante Francia tornou no maior goleador na historia do fútbol de seleccións, con 109.

O Croacia-España, pola súa banda, pode non parecer un choque tan fresco como hai uns anos, pero a actual subcampioa mundial e uns españois que veñen de protagonizar a maior goleada nunha Eurocopa desde 2004 após esmagar Eslovaquia por 5-0 son perfectamente capaces de demostrar sobre o céspede de Copenhague que, quen tivo, retivo.

Con respecto aos outros partidos, sobre o papel non teñen o atractivo dos anteriormente descritos, tamén teñen o seu interese. Por exemplo, o Gales-Dinamarca que abre mañá a rolda de oitavos permitirá saber se os  motivados daneses superaron definitivamente o shock pos Eriksen e conseguen volver a uns cuartos de final por primeira vez desde 2004.

Italia, á súa vez, aspira a referendar o presuposto do favoritismo superando unha Austria que acepta o seu rol de cincenta, o mesmo que adoptará a República Checa ante os Países Baixos, que veñen respondendo con sólidos triunfos ás críticas que está a recibir o seleccionador Frank de Boer no seu país por "traizoar" a esencia do xogo tulipán coas súas estratexias ultra defensivas.

Quen si deu mostras de debilidade foi a todopoderosa Francia, mais Suíza parece un rival idóneo para que Mbappé e familia recuperen as sensacións perdidas, mesmo obxectivo que ten a renacida Suecia ante a sorprendente selección ucraína de Andrii Shevchenko.

Comentarios