O universo do balonmán ten unha cita no Carballo Handball Festival

Un total de 30 equipos de 13 clubs farán da capital de Bergantiños, desde esta quinta feira até o sábado, unha festa deportiva na que tomarán parte máis de 600 nenos e técnicos. Haberá espazo tamén para moitas actividades alén das deportivas.

carballo

Volve o Carballo Handball Festival, unha cita que durante tres días fará desta vila o punto de referencia para practicantes e amantes do balonmán, cun completo programa e oferta que non se limita só aos aspectos deportivos. Desde esta quinta feira e até o sábado, 30 equipos de 13 clubs en categorías benxamín, alevín e infantil vivirán unha festa do balonmán, nun evento organizado polo Concello de Carballo e as escolas de balonmán Xiria. Máis de 600 nenos e técnicos fan parte dun evento no que toman parte clubs de Galiza, Portugal, Euskadi, Asturies... Participantes que veñen acompañados polas súas familias, co que iso repercute na economía da propia vila. “A edición do ano pasado saiu moi ben, e todo parece indicar que a deste ano pode ser aínda mellor”, afirma o concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, en conversa con Sermos Galiza.

Regueira sitúa esta iniciativa no marco da aposta do Concello por dous eidos que consideran prioritarios, “a cultura e o deporte”, apontando que “a sinerxia de ambos os dous” repercute positivamente na vila. “Esta cita vai ter un importante retorno na economía local”, indica. O Handball Festival, ademais, supón ofertar unha alternativa orixinal en Semana Santa que se complementa e enriquece as xa existentes, na vila e na comarca. “É facer algo que non había”, explica, “ofertando un festival deportivo, aproveitando que en Carballo en balonmán temos moito músculo”. E todo isto complementado con ofertas turísticas, arquitectónicas, culturais... para os centos de persoas que se van dar cita en Carballo estes días.

Clubs participantes: O Club Balonmán Basauri, o JuanFersa Gijón, o BM Culleredo, o BM Lucus, o BM Camariñas, o Sao Paio de Oleiros, o AD Zas, o BM Cangas, o BM Xallas, a Escola Municipal de Abegondo, o BM Cines e o BM Narón, ademais das Escolas de Balonmán Xiria


 


 

Comentarios