Un heroico Liceo engade ao seu gran palmarés un título de liga, vinte anos despois

Un gol na recta final de Josep Lamas derrota ao Lleida (3-4) e dálle aos verdes un trofeo que se lles resistía dende hai dúas décadas e que estivo a piques de perder ante a presión do poderoso Barça.

Liceo
photo_camera Liceo

O raro -pero explicábel- caso do clube que gañou tres Copas de Europa, competición curta, nos últimos once anos, pero ao que se lle resistía o maior título estatal dende hai vinte atopou na noite do sábado a resolución máis feliz, posto que o Liceo da Coruña conquistou o título de Liga de hockey sobre patíns após vinte anos sen gañalo. É o sétimo entorchado, o primeiro dende 1993, superando a un Barça todopoderoso, cun orzamento moi superior ao que se pode permitir calquera outra entidade, pero que non impediu a fazaña dos verdes, que -a pesar de amosarse como sometidos á síndrome de Djukic que golpea ultimamente ao deporte coruñés- durante boa parte do encontro decisivo tivo os azos necesarios para tombar ao Lleida na súa casa (3-4) e culminar con éxito unha tempada longa e difícil, na que a inferioridade monetaria foi suprida son vontade. Como naqueles tempos iniciáticos dos anos 80. Agora son os de Lamas.

Quedaban apenas tres minutos e se alguén tiña que marcar un gol histórico para o Liceo era o seu estandarte, Josep Lamas. Fíxoo. 3-4.

O partido comezou con moitos nervios por parte dun Liceo que semellaba paralizado baixo a síndrome do meigallo herculino. Precisaban os verdes afastarse da responsabilidade da historia e para iso non colaboraba a tranquilidade tanto do rival -que non se xogaba nada e tiña a cabeza limpa, o que pode beneficiar- nin mesmo do recinto, onde non existía a presión inimiga -ás veces motivadora- e só se escoitaba ao medio cento de liceístas presentes, agás no minuto 17:14, cando en todos os recintos deportivos de Cataluña se reivindica a independencia. O campionato era a cuestión dos coruñeses, que talvez -cousas do que antes se chamaba transistores, pero agora vai por smartphone- se relaxaron un chisco máis ao coñecer que o Barça perdía en Igualada. Empataron os blaugranas e o Liceo fíxose maior. Entrou no partido, comezou a dominar e adiantouse con gol do designado mellor xogador da Liga, Jordi Bargalló. Así chegou o descanso.

Após o intermedio, e namentres o Barça se adiantaba en Igualada e ameazaba o título coruñés -o Liceo só tiña que facer o mesmo que os culés- o Liceo volveu petar na mesa co 0-2, obra de Lucas Ordóñez logo dun penalti. Reduciu distancias o Lleida -clasificado para Europa- pouco despois e o partido entrou en fase xa moi tensa, no interior, case no freudiano, porque sobre a pista resultaba moi limpo, sen malos modos. Mais había moito en xogo. Unha Liga. E os ilerdenses amosábanse máis soltos. E o Barça sentenciaba o seu. Nervios. E o Lleida que empatou. Nese intre o Liceo que dirixe Carlos Gil perdía o título dun torneo do que fora líder en 28 das 20 xornadas. Pero, nun momento cerebral, un disparo espectacular a reviravolta do arxentino Lucas Ordóñez puxo o partido e a campionato en mans do Liceo.

Tocaba autocontrol. Pero un rexeite provocou que o mesmo Lucas marcase sen querer o empate. Outra vez sen título. Quedaban apenas tres minutos e se alguén tiña que marcar un gol histórico para o Liceo era o seu estandarte, Josep Lamas. Fíxoo. 3-4. Mandiá meteu a luva cando o Lleida intentou amargar o acadado no último segundo. Pero tocaba festa rachada. Galega. A do club con máis títulos de Galiza. O Liceo. Campión de Liga, vinte anos despois.

Comentarios