Un gol no desconto condena o Celta en Mallorca após o árbitro non asubiar dous penaltis

Un gol de Giovanni dos Santos no desconto deixa o Celta a 4 pontos da liña de salvación. O combo celeste foi superior na segunda metade, mas a falta de acerto e as decisións arbitrais -dous penaltis non pitados- determinaron o desenlace.

Javi Varas
photo_camera Javi Varas

O Celta está aí porque comete erros inapresentábeis na élite. Neglixencias defensivas que te condenan ante un rival que se está a xogar a vida coma ti. Iso aconteceu no desconto, cando os nervos dos futbolistas están destrozados, xusto cando máis ocasións de gol se xeran. Aí chegou un agasallo en forma de gol que pode significar a sentenza definitiva para o combo celeste.

Antes diso, o Celta estivo en todo momento no partido e, nomeadamente na segunda parte, foi superior aos locais. Non é vantaxismo, mas non podemos escreber sobre os últimos xogos dos celestes sen nos referirmos ao grande ausente. Con Iago Aspas o Celta non ten punch ofensivo, mas é quen de inquietar o rival por certo virtuosismo barroco e por certa capacidade de inventiva. Sen Iago Aspas o Celta é só unha equipa voluntariosa, que quere, que se ofrece, que até é intenso, mas que non sabe, que non está á altura da empresa.

O árbitro tamén xogou. Fíxoo con descaro a prol da equipa da casa. Demasiado lastre para os celestes ter tamén o xuíz en contra.

O gol de Giovanni dos Santos deixa o Celta a 4 pontos do Granada, o decimoséptimo clasificado do campionato, o primeiro dos que sobreviven por abaixo. Xa se esgotan os cualificativos e a fácil retórica -partido a vida ou morte, próximo macht ball, paseando á beira do inferno...- e arrepía o stress que deben estar a experimentar os futbolistas de Abel, mas o vindeiro encontro, na casa co Zaragoza, ditará definitva sentenza.

Comentarios