Un Celta arroupado pola armada celeste quere hoxe dar boa conta dos leóns

O Celta sabe que ten hoxe perante o Athletic de Bilbao a oportunidade de encadear tres vitorias consecutivas e avanzar así no reto da permanencia. Até oito canteiráns poderían formar hoxe na armada celeste

Balaídos

Balaídos vestirá hoxe o traxe de gala das grandes ocasións. A afección leva toda a semana conxurándose para encher o baluarte celeste e levar en volandas ao equipo cara a vitoria. #nonnosrendemos é moito máis que un HT nas redes sociais e é o sentimento que abrangue a toda a armada celtista galega. A cita é hoxe ás nove fronte o Athletic de Bilbao.

A afección está convocada a unha 'quedada celeste' ás 19:00 na porta 0 de Balaídos para recibir o equipo

Abel Resino convocou a 19 futbolistas para o partido, entre eles os xogadores do filial Rubén Blanco e Levy Madinda. Sergio e Hugo Mallo son baixa por lesión e Roberto Lago e Natxo Insa por sanción. Non entran na lista Samuel e Cabral.

Así pois, o Celta poderá saltar hoxe ao campo até con oito canteiráns. Un motivo de orgullo, máis aínda perante o Athletic, o equipo da canteira por excelencia.

Bater até vencer

O Celta sabe que os tres puntos de hoxe son conquista obrigada para manter o ánimo celeste moi alto. Agárdanlle partidos contra o Atlético de Madrid (8 de maio) e Betis (12 de maio). O Celta ten agora mesmiño 30 puntos, e só 1 lle separa de saír dos postos de descenso. E non quere, nin equipo nin afección, deixar escapar nin un só.

Comentarios