Un agasallo en defensa condena o Celta en Cornellá

Un erro na entrega de Krohn-Dehli, no ecuador da primeira parte, sentenciou ao Celta en Cornellá. A equipa de Herrera só marcou 3 goles nos últimos 5 encontros.

Demasiado pouco Celta como para sumar pontos no campo dun rival directo para eludir o descenso. O Espanyol é unha equipa tirando a vulgar, mais ten un estilete chamado Sergio García. Un atrapallado Krohn-Dehli facilitoulle unha pelota de gol. García agradeceu o agasallo e sentenciou un Celta sen argumentos para reequilibrar o encontro.

O Celta ten varios problemas. Un está na liña de criación, que apenas produce xogo de ataque e que se caracteriza nesta altura do campionato por unha preocupante tendencia a perder balóns parvamente. O outro está na área rival. Aí redúcese á inspiración dun Iago Aspas cada vez máis machucado polas defensas rivais.

Así as cousas, o Celta continúa o seu paseo polo gume da navalla, a un tiro de pedra das equipas que neste momento ocupan as tres últimas prazas do campionato.

Comentarios