Últimos 19 pisos no ascenso á Segunda

Os tres equipos galegos montados no ascensor da Primeira Federación continúan esta cuarta feira co seu traxecto. Son 19 pisos até a derradeira planta. Alá van os 19 primeiros, en que o Deportivo, por agora, gañou o dereito a saír antes que ninguén. Celta B e Rácing tamén aspiran ao ático, mesmo se no último tramo cómpre usar a escaleira de incendios.
noel_deportivo
photo_camera O deportivista Noel, no partido de Copa co Osasuna de decembro (Foto: Deportivo da Coruña)

O ascensor na Primeira Federación reinicia a marcha para os equipos galegos da categoría. Esta cuarta feira dispútase a 20ª xornada do campionato ligueiro, o primeiro encontro da segunda e decisiva volta. Son outros 19 pisos até chegar ao ático, derradeira parada: o ascenso á Segunda.

Deportivo

Tras unha brillante primeira metade da competición, o Deportivo da Coruña parte como máximo favorito a finalizar líder o curso e lograr a promoción automática. Foron 13 vitorias, 4 empates e só 2 derrotas nos 19 partidos disputados, que o colocan no máis alto da táboa clasificatoria con 43 puntos, a 6 do seu inmediato perseguidor, o Rácing de Santander.

Un Deportivo, equipo máis goleador e menos goleado da categoría, que esta cuarta feira visita o campo do Zamora (20 horas). O obxectivo para esta tempada do conxunto leonés, que finalizou 15º a primeira volta, é a salvación. Os branquiazuis son favoritos para sumar os tres puntos a domicilio. Calquera outro resultado sería unha sorpresa.

A principal novidade, informan desde o club coruñés,  é o regreso de Menudo tras a súa ausencia nas dúas últimas convocatorias. Tamén volve Jaime.

Entre as baixas están Pablo Trigueros, cunha lesión no bíceps femoral esquerdo, e Miku, que cumpre ciclo de cartóns. 

Celta B

Máis complicado resulta a priori o compromiso do Celta B, que se verá as caras co Real Unión, sétimo clasificado. O equipo celeste finalizou a primeira volta do campionato nunha ilusionante cuarta posición tras sumar 9 vitorias, 4 empates e 6 derrotas, co que acumula 31 puntos. Os mesmos, porén, que o Unionistas (terceiro), o Rayo Majalahonda (quinto) e o Logroñés (sexto).

Cómpre lembrar que só o primeiro clasificado ascende directamente. Os catro seguintes equipos, do segundo ao quinto, deben xogar a promoción.

O desta cuarta feira é, polo tanto, un rival directo do Celta B na loita por entrar neses postos de promoción ao final de liga. O conxunto vasco gosta do fútbol ofensivo e de dominar o balón. A domicilio ofreceu a súa mellor versión e acumula mellores números que nos partidos da casa.

Rácing de Ferrol

E o 'coco' desta xornada é para o Rácing de Ferrol, que inicia a segunda volta visitando o Rácing Santander, segundo clasificado e aspirante a desbancar o Deportivo do liderado nesta recta final da tempada.

O equipo ferrolán finalizou en oitava posición, con 29 puntos, tras a disputa dos 19 primeiros partidos do campionato (8 vitorias, 5 empates, 6 derrotas), e nos segundos 19 aspira a meterse en postos de promoción. 

O Rácing apostou forte esta campaña polo ascenso, colocando no banco a Cristóbal Parralo, artífice do ascenso do Fabril á antiga Segunda B na tempada 2016-17. Ademais de resarcirse da derrota na casa pola mínima ante o Logroñés do domingo pasado e do empate ante o Internacional da xornada anterior, un resultado positivo no Sardinero daría cheda ao conxunto ferrolán para a loita que lle espera de aquí ao 29 de maio, cando finaliza o campionato regular.

Noel fica na Coruña e asinará co Depor o seu primeiro contrato profesional

Despois de meses de negociacións, con ofertas e contraofertas, o deportivismo celebraba esta terza feira a permanencia de Noel no club coruñés, con quen asinará o seu primeiro contrato profesional. O xuvenil aínda ten que estampar a sinatura no contrato, mais segundo adiantou Onda Cero Coruña, "a decisión está tomada". 

Noel López de la Fuente (Silleda, 2003) gañou o corazón dos afeccionados do Deportivo logo da súa xenial actuación na primeira xornada do actual campionato ligueiro, cando o equipo branquiazul se impuxo por 5-0 ao Celta B. Tamén no último compromiso un gol seu foi decisivo para o triunfo do Deportivo (2-3) no campo do DUX Internacional.

Varios equipos relevantes do fútbol español tiñan posto os seus ollos en Noel López.

Comentarios