xoves 01/10/20

A última sorpresa de 2020: Emre Mor en modo crack

O extremo turco, contra todo prognóstico, confírmase en Balaídos como a nova sensación celeste 
Emre Mor está demostrando unha actitude renovada esta campaña. (Foto: RCCelta).
Emre Mor está demostrando unha actitude renovada esta campaña. (Foto: RCCelta).

2020 é un ano que nos está collendo a todos por sorpresa. Quen contaba con pasar tres meses fechado na casa a causa dun contaxioso virus potencialmente mortal? Pero se algo estaba realmente fóra de todas as previsións era a resurrección futbolística de Emre Mor coa camisola celeste.

Non froten os ollos, porque os seus marabillosos 25 minutos en Oviedo no primeiro amigábel de verán do Real Club Celta -até que tivo que abandonar o céspede por un problema nos isquios- non foron un espellismo.

A falta das posíbeis chegadas de  Murillo e Rafinha, o extremo turco erixiuse coa súa actuación ante o Club Deportivo Lugo no derbi galego que se disputou na tarde de onte en Balaídos (cómodo 2-0 para os locais) como a fichaxe máis importante dun Celta afectado por unha importantísima redución do seu límite salarial, nunha porcentaxe próxima a 30%.   

Autor do gol que abriu o marcador na segunda metade (minuto 66), e protagonista de eléctricas intervencións e xogadas combinativas cos seus compañeiros de ataque, no que podería chegar a ser un tridente temíbel (Mor-Aspas-Nolito), Balaídos permitiu observar un xogador máis maduro, que optaba polo pase en lugar da acción individual cando o xogo así o demandaba e que, por momentos, chegou a lembrar aquel rapaz de 20 anos do Borussia de Dortmund polo que Carlos Mouriño pagou 13 millóns de euros en 2017.

Nas redes sociais xa non se falaba do seu Mercedes prateado de estilo e gusto máis que cuestionábel, da súa indisciplina ou de polémicas extradeportivas, senón da súa velocidade, o seu regate ou a súa espectacular técnica, que levou polo camiño da amargura a defensa dun Club Deportivo Lugo que, en liñas xerais, mostrouse como un conxunto bastante blando.

Sendo certo que os de Juanfran tiñan diante un rival dunha categoría superior, a sensación que deixou o encontro de Balaídos foi que queda moito traballo por facer -e tal vez algunha incorporación que asinar- para que o preparador valenciano consiga armar un bloque que non pase apuros para manter a categoría.

Nun partido no que o resultado era o de menos, o penalti transformado por Aspas no minuto 82 sería definido nunha crónica futbolística máis convencional como o "gol da tranquilidade", mais o Celta non estaba pasando ningún apuro antes e non o pasaría despois do tanto do Príncipe das Bateas.

comentarios