UEFA e FIFA ratifican o seu "non" ao ingreso da Federación Vasca de Fútbol

Ambos os organismos manteñen a súa postura.
Iñigo Aduriz xogando coa selección vasca (Foto: FVF).
photo_camera Iñigo Aduriz xogando coa selección vasca (Foto: FVF).

A FIFA e a UEFA, máximos organismos reitores do deporte rei a nivel planetario, rexeitaron o recurso da Federación Vasca de Fútbol (FVF) contra as resolucións de ambos os entes que dicían "non" ao seu ingreso como membro de pleno dereito.

Esta decisión, salvo que o Tribunal de Arbitraxe Deportivo -TAS nas súas siglas en francés- determine o contrario, fecha as portas a que a selección de Euskadi compita de modo oficial en competicións como a Eurocopa ou o Mundial.

A FVF sinalou que tanto FIFA como UEFA comunicáronlle "recentemente" que se manteñen firmes na súa postura de "non tratar" nos seus respectivos congresos a súa petición de afiliación "como membro de pleno dereito", pois non cumpre cos criterios de admisión ao non ser un Estado, algo que contradí a presenza nos seus torneos de nacións sen Estado como Escocia ou Gales e mesmo de territorios como Xibraltar ou Anguila.

Esta histórica reivindicación do fútbol vasco deu un salto cualitativo en decembro do pasado ano 2020, cando a Federación Vasca de Fútbol solicitou formalmente a súa afiliación tanto a FIFA como a UEFA, demanda denegada "polas resolucións de data 11 e 31 de xullo de 2021" emitidas polos seus respectivos Comités Executivos.

A Federación Vasca entendeu entón que "en virtude dos estatutos de ambas as entidades internacionais" esas resolucións denegatorias "foron emitidas por órganos que carecían de competencia".

Así, "de acordo á normativa de aplicación, a competencia para coñecer as devanditas cuestións corresponden aos congresos destas dúas institucións", considera a  FVF, que se laia de que UEFA e FIFA mantivesen a súa postura inicial e indicasen que os seus congresos non chegarán a tratar esta cuestión".

Comentarios