EUROCOPA

Turquía ameaza o pase de Portugal

A fase de grupos da Eurocopa encara a súa recta final. Con España e a anfitrioa, Alemaña, xa matematicamente clasificadas para os oitavos de final, o resto dos participantes pugnan esta fin de semana por facerse con algunha das 14 prazas restantes, comezando este mesmo sábado por Portugal.
A competición continental aumenta de temperatura a medida que se achegan os encontros decisivos. (Foto: Europa Press).
photo_camera A competición continental aumenta de temperatura a medida que se achegan os encontros decisivos. (Foto: Europa Press).

Esta fin de semana comeza a conta atrás para o remate da primeira fase da Eurocopa máis grande de todos os tempos, non polo nivel de xogo -que aínda non alcanzou as cotas da anterior edición-, senón pola súa carga de partidos, pois a introdución da rolda de oitavos de final elevará o número que deberán disputar as seleccións finalistas até a cifra de sete, a mesma que no Mundial.

Así, e con Alemaña e España xa matematicamente clasificadas, o resto dos combinados busca facerse con algún dos 14 boletos restantes que lles permita seguir loitando polo título, comezando por unha Portugal que logrará o pase se supera Turquía (sábado, Westfalenstadion de Dortmund, 18 horas).

Con todo, o sufrido triunfo ante a República Checa no seu encontro inaugural xerou moitas incertezas sobre o rendemento dunha das grandes favoritas a levantar o título, e os medios de comunicación lusos incluso apuntan a que Roberto Martínez podería levar a cabo o sacrificio máximo en prol do rendemento colectivo e sentar un Cristiano Ronaldo lonxe da súa mellor versión.

Ademais, este sábado tamén terán lugar un Xeorxia-Chequia (Volksparkstadion de Hamburgo, 15 horas) no que o perdedor dirá adeus á competición e un Bélxica-Romanía que podería supor a eliminación dos Diaños Vermellos se non vencen o sorprendente conxunto dos Cárpatos, que goleou a decepcionante Ucraína hai cinco días.

Ademais, o domingo, e en horario unificado ás 21 horas, Escocia, a única nación sen Estado que participa no torneo, precisa superar Hungría -que logo das súas dúas derrotas chega ao duelo sen obxectivo algún máis que defender a súa honra- se quere ter opcións de ser un dos catro mellores terceiros da competición, posto que o primeiro e o segundo posto semellan practicamente garantidos para Suíza e Alemaña, que miden forzas ás 21 horas no Frankfurt Arena.

E, xa na segunda feira, a sorprendente 'Roja', logo de vencer e convencer ante unha Italia que pode quedar fóra da Euro se perde con Croacia (Leipzig Stadium, 21 horas), despide a primeira fase contra Albania á mesma hora.

Comentarios