xoves 16/09/21

O Trofeo Teresa Herrera de fútbol celebra o seu 75 aniversario

Tal día como hoxe, pero de 1946, Sevilla e Athletic de Bilbao escribían o primeiro capítulo na longa historia do decano dos torneos de verán.
O Sevilla FC posa en Riazor antes da disputa da primeira edición do Trofeo Teresa Herrera, no ano 1949 (Foto: Nós Diario).
O Sevilla FC posa en Riazor antes da disputa da primeira edición do Trofeo Teresa Herrera, no ano 1949 (Foto: Nós Diario).

Non corren bos tempos para o romanticismo no fútbol. Entre partidos programados a horarios contra natura pensando en público -clientes- ao outro lado do mundo, proxectos de Superliga e a disputa do Mundial e doutros torneos en países onde os dereitos humanos pesan menos que un semáforo en vermello, conceptos como o do Trofeo Teresa Herrera semellan cousa dun pasado que xa non volverá.

E talvez sexa así, mais dalgún modo este torneo, o primeiro da súa clase en todo o mundo, conseguiu chegar con vida até os nosos días e celebrar o seu 75 aniversario. Porque tal día como hoxe, pero de 1946, o Sevilla -vixente campión de Liga- e o Athletic de Bilbao de Zarra, Panizo e Gaínza escribían o primeiro capítulo dunha historia que achegou até Galiza 16 futbolistas gañadores do Balón do Ouro e escuadras de lenda como o Benfica de Eusébio, o Bayern de  Beckenbauer, o Real Madrid da Quinta do Buitre, o Santos de Pelé, o Barcelona do  Dream  Team ou o Súper Dépor de Bebeto e Mauro Silva.

A súa relevancia mesmo se estendeu fóra do terreo de xogo, pois alén de tornar nun atractivo turístico de primeira orde para a cidade da Coruña, nos despachos loitaban para evitar o oculto veto aos equipos soviéticos durante un franquismo que puido rematar abruptamente nas bancadas de Riazor durante a disputa dun Teresa Herrera no que a piques estivo de perder a vida o ditador Franco.

Hoxe, vido a menos desde o cambio de paradigma no fútbol co cambio de século, subsiste como test preparatorio para os comezos de tempada do Deportivo, aínda que na memoria quedan uns tempos gloriosos que recolle unha publicación dispoñíbel en Amazon e lanzada co gallo desta efeméride: Historia do Trofeo Teresa Herrera: 75 aniversario do torneo decano do fútbol (1946-2021).

comentarios