Triste fin de ano para Dépor e Celta

O conxunto vigués perdeu en casa ante o Almería (0-1) e o coruñés a domicilio fronte ao Villarreal (3-0). En Segunda, o Lugo marcou seis tantos en Soria, pero só empatou.  

celta depor
photo_camera celta depor

As vacacións competitivas de Dépor e Celta non serán especialmente felices. Están en crise os dous representantes galegos na máxima categoría do fútbol estatal masculina e ambos sumaron unha nova derrota nesta xornada, a última de 2014. 

O venres, en Balaídos, o Celta profundou no seu devalo e volveu ser incapaz de anotar ante o Almería, que venceu 0-1 após un gol na primeira metade de Hemed, que aproveitou un erro monumental en defensa de Fontás. Despois, un Celta que supera os 500 minutos sen marcar foi incapaz de sumar algún punto e mesmo Nolito -que semella gafado desde que foi convocado pola selección española- fallou un penalti que puido ser o empate. 

Pola súa parte, este domingo pola mañá o Dépor sumou unha nova derrota que o mantén no fondo da táboa, con serio perigo de perder a categoría, o que suma moitas dúbidas sobre a continuidade de Víctor Fernández como técnico, problema este ao que se lle une a fonda división entre a bancada, sobre todo no que respecta á directiva de Tino Fernández. 

Caeu 3-0 o Dépor en Vila-Real, onde puido recibir máis tantos se non fose polo bo traballo do meta Fabricio. Vietto (2) e Johnatan dos Santos foron os goleadores dos levantinos ante un conxunto coruñés que apenas tivo algún bo momento de xogo pero que volveu presentar unha aliñación discutida, coa presenza de xogadores criticados como Lopo, namentres Insua ou Wilk esperaban como suplentes. 

Por último, en Segunda o Lugo asinou un rexistro histórico de goles nun encontro nas dúas principais categorías pero agridoce xa que empatou a seis tantos no campo do Numancia en Soria, onde vencía 3-6 a falta de dez minutos para o remate.

Comentarios