A 'Trishark' de Narón regresa cunha dupla cita competitiva

O certame está programado o 20 de xullo.
A organización estima a presenza de máis de 500 participantes. (Foto: Fetri).
photo_camera A organización estima a presenza de máis de 500 participantes. (Foto: Fetri).

O Circuíto Galego de Tríatlon 24 e o Campionato da Galiza de Tríatlon Esprinte chegarán á localidade de Narón (Ferrolterra) o próximo 20 de xullo co gallo da 'Trishark' Narón 2024, un certame que xa ten aberto o seu prazo de inscrición, permanecendo así até o vindeiro 15 de xullo ás 23.59 horas.

A organización, que corre a cargo da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, a Federación Galega de Tríatlon e o Concello de Narón, explicou que, ademais da proba principal, haberá tamén "unha de carácter popular, con 200 prazas, aberta ao público en xeral (maiores de 16 anos) federado ou non federados". O programa inclúe, ademais, unha "carreira de promoción" que se disputará na tarde do 19 de xullo para as nenas e nenos, concretamente un acuatlón (nadar e carreira).

Con respecto aos percorridos, a cita popular -circunscrita ás categorías xuvenil, júnior, absoluta e veterano- será de 400 metros de natación, 11 quilómetros en bicicleta e 1,7 quilómetros de carreira; pola súa parte, o do Circuíto Galego -xuvenil, júnior, Sub-23, absoluto e veterano 1, 2 e 3- constará de 750 metros de natación, 22 quilómetros en bicicleta e cinco de carreira a pé.

E, no referente aos horarios, o disparo de saída do evento popular escoitarase ás 16.20 horas, mentres que o inicio do Circuíto Galego masculino será ás 17.15 e o feminino ás 17.20 horas, sendo a previsión de remate da competición ás 18.45.

O presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, indicou que contan con "reunir os e as máis de medio milleiro de participantes" da edición do ano anterior,  porque "a pesar do pouco tempo que se leva disputando, é un dos tríatlons máis senlleiros do noroeste ibérico".

III Trail Costa Ártabra

Sen deixar de lado a actualidade deportiva de Narón, o 'Trishark' non será o único evento que acolla este verán o municipio, pois o Concello oficializou que o 15 de setembro desenvolverase o terceiro Trail Costa Ártabra.

Así, neste certame atlético aberto a todas as persoas maiores de 18 anos poderase optar por  calquera das catro modalidades de participación dispoñíbeis: o trail longo (27 quilómetros), o trail curto (14 quilómetros) e as dúas andainas: unha de 12 quilómetros e outra de oito. 

Comentarios