O tren da salvación do Lugo pasa por gañar en Xixón

Xornada de últimas oportunidades para varios dos equipos galegos da elite. O máis necesitado é un Club Deportivo Lugo que terá que pasar por enriba do Sporting para seguir na pelexa pola salvación, mais o Celta tamén dirime en Vilarreal o soño de xogar en Europa e o Rácing de Ferrol a súa clasificación para a Primeira RFEF.
Rubén Albés, técnico albivermello, impuxo unha gran intensidade no conxunto das sesións de adestramentos durante toda a semana. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Rubén Albés, técnico albivermello, impuxo unha gran intensidade nas sesións de adestramentos durante toda a semana. (Foto: CD Lugo).

O fútbol non é unha ciencia exacta, pero as matematicas si. Cando restan tan só 15 puntos por disputar até a finalización do campionato de Segunda División, o Club Deportivo Lugo está a catro dos postos de salvación. Polo tanto, todo o que non sexa conseguiur un triunfo na visita a Xixón para xogar contra o Sporting nesta segunda feira, 10 maio (21 horas), será un cravo máis no ataúde dun conxunto que leva sen gañar un partido desde o 23 de xaneiro.

O reto non é doado, pois a escuadra asturiana está inmersa na pelexa por coarse no play-off de ascenso á Primeira División e precisa dos puntos case coa mesma imperiosa necesidade que un Lugo que agarda ter superado o trauma do gol recibido polo porteiro do Zaragoza no minuto 97 do seu último partido, e que supuxo o empate dos maños.

Unha das estrellas albivermellas, Moctar El Hacen, confirmou en rolda de prensa que son conscientes de que hai "cousas que mellorar", mais tamén se mostrou optimista para lograr a permanencia na categoría de prata, pois no cadro de xogadores hai "confianza no traballo e en plasmar sobre o terreo de xogo o que pide Rubén Albés nos adestramentos".

Europa pasa por Vilarreal

O Real Club Celta de Vigo tamén disputa unha final esta fin de semana, aínda que con menos presión que os seus veciños de Lugo. Unha vez certificado o obxectivo da salvación, e a falta de catro partidos para o final da Liga, os celestes aínda teñen unha mínima posibilidade de clasificarse para Europa a vindeira tempada, mais todo pasa por superar o Vilarreal no encontro que disputarán este domingo ás 18.30 horas.

O Submarino Amarelo ocupa a sexta posición na táboa clasificatoria e avantaxa o Celta en oito puntos, mais o Chacho tratará de aproveitarse do cansazo que acumulan nas pernas os seus rivais, que hai tan só dous días lograron a clasificación para a Europa League após eliminar o Arsenal inglés.

Lamentabelmente, o técnico arxentino non poderá contar con dúas das figuras chave nos seus esquemas a causa das lesións, como son Tapia e Murillo. Ademais, non é descartábel que tampouco poidan ser da partida nin Aidoo nin Iago Aspas, ambos con problemas non seu bíceps femoral dereito. O precedente máis inmediato indica que isto non son boas novas, pois un Celta tamén moi condicionado polas baixas -entre as que destacaron as dos propios Aspas e Tapia- caeu por un contundente 0-4 en Balaídos.

O Rácing, a vida ou morte

Partido vital para o futuro do Rácing Club de Ferrol. O conxunto departamental saltará o domingo ás 12 horas ao campo do Marino sabendo que unha vitoria os converterá en novo equipo da Primeira RFEF. Do contrario, dependerán do que aconteza no choque que á mesma hora enfrontará un Dépor xa clasificado, pero que precisa a vitoria para disputar a vindeira edición da Copa, cun Numancia de Soria que pretende pasar por enriba dos coruñeses e aproveitarse dun hipotético traspés dos Diaños Verdes.

O outro equipo do grupo, o Compostela, despídese da Segunda B nun intranscendente choque mañá ás 18 horas ante o Langreo, mesma situación na que se atopa o Celta B, xa clasificado para a fase de asenso, que porá a proba ante o líder Burgos (domingo, 12 horas) o seu estado de forma de cara ao play-off.

Finalmente, Pontevedra e Coruxo continúan a súa loita por evitar o descenso á Terceira División protagonizando un duplo duelo galego-asturiano co Sporting B e o Lealtad. Os granates saltarán ao céspede de Pasarón  mañá ás 17 horas, mentres que os de Vigo xogan no campo do Vao tamén o domingo, aínda que ás 12 horas.

Comentarios