Traiñeiras: Tirán despídese da ACT e Meira gaña a Liga Galega

traiñeira tirán act maider celada
photo_camera Triañeira de Tirán. Imaxe: ACT

Un só punto decide moito. Para a traiñeira de Tirán supuxo o descenso da Liga ACT, a elite do remo, unha liga da que foi embarcación fundadora en 2003 e na que competía de xeito ininterrompido desde 2010. Esta fin de semana a ACT desputaba dúas regatas en augas de Galiza (Moaña e Boiro) e nas dúas o ‘Mar do Con’ de Tirán pelexou para manterse na elite e non descender. Mais non foi posíbel.

A outra representante galega na ACT, Cabo de Cruz, representa a outra cara da moeda: está a fraguar unha boa tempada, con conquista de bandeira incluída (en Hondarribia). Na regata do domingo, en augas crucenses, acabou terceira. Vai sexta na Táboa Xeral da ACT, na que compiten 12 barcos.

Con Tirán descendido, Meira e Ares prepáranse para desputar o ‘play-off’ de ascenso desde a Liga galega de Traiñeiras á ACT e incrementar así a representación galega. Os da Samertolameu de Meira proclamáronse, máis unha vez, campións da Liga Galega A -12 traiñeiras-, por diante de Ares e Mecos. Na categoría B a vitoria foi de Cabo B e quen xa garantiu o ascenso á A foi Muros.

Na categoría feminina, o Náutico de Ribeira certificou unha campaña implacábel na que se fixeron con todas as bandeiras e todo o que se lle puxo por diante.

Comentarios